A Milagrosa acolle o I Gran Premio de Baixada de Carros de Bolas
A cita será no marco das festas do barrio o sábado 31 de agosto a partir das 17.00 horas co obxectivo de organizar unha cita lúdica e deportiva
Carros de bolas para o Gran Premio Milagrosa | 📷 Comisión de Festas
Este ano as Festas da Milagrosa, ben coñecidas polas súas elaboradas alfombras de flores, veñen cargadiñas de novidades, comezando pola revista das festas -que está tendo unha gran aceptación e que pode mercarse en calquera dos establecementos do barrio por 2€- ata a celebración do I Gran Premio Baixada de Carros de Bolas "A Milagrosa". Dende a Comisión de Festas aseguran que era un xogo popular e tradicional que agora non se ve demasiado pero que pensaron que merecía a pena recuperar. A cita será o sábado 31 de agosto ás 17.00 horas e contará con saída na Rúa Cemiterio Vello e chegada na Praza da Milagrosa.
A organización ten xa catro carros feitos para que sirvan de modelo para quen queiran fabricalos e tamén para prestarllos a quen queiran participar, aínda que o obxectivo é que a xente se anime e constrúa un. Para participar, ademais de contar cun carro, será preciso levar casco regulamentario, codeiras, rodilleiras e luvas. As categorías da baixada iranse establecendo dependendo das idades das e dos participantes e das características dos carros. En todo caso, está previsto que haxa 100 euros de premio e trofeo para os primeiros clasificados de cada categoría, 70 euros e trofeo para os segundos e 30 euros e trofeo para os terceiros.
Se queredes anotarvos, pasar unha tarde divertida, e, por que non, gañar uns cartiños, as anotacións para o Gran Premio, así como a solicitude de máis información sobre a carreira, pode facerse nos seguintes contactos:
- Enderezo electrónico: <amilagrosa2019@gmail.com>
- Teléfonos: 639 888 455 | 626 934 899