Chega a Festa do Berberecho, que xunta en Baldaio a máis de 5.000 persoas!
A cita é o sábado 17 de agosto nas pistas polideportivas de A Imende e tamén haberá polbo, carne ao caldeiro e actuacións musicais ata á noitiña
Festa do Berberecho de 2018 | 📷 Turismo Carballo
Chega a Festa do Berberecho de Baldaio, unha das citas gastronómicas máis lonxevas de Carballo que en 2019 cumpre 22 anos. O ano pasado máis de 5.000 persoas asistiron ás pistas polideportivas de A Imende-Noicela, situadas moi cerquiña da lagoa de Baldaio, para probar os moluscos. Repartiranse arredor de 1.000 quilos ao vapor, en salsa ou en empanada; e para quen queiran completar a degustación, tamén haberá unha pulpeira e racións de carne ao caldeiro. A cita: o sábado 17 de agosto dende as 13.00 horas e ata que o corpo aguante, xa que ademais de comida haberá actuacións musicais ata a noitiña.
Está previsto repartir máis de 1.000 quilos de berberechos ao vapor, en salsa ou en empanada
A sesion vermú comezará sobre as 14.00 horas coa Orquestra Almirantes, e xa pola tarde, sobre as 21.00 horas, a Asociación Arume de Berdillo será a encargada da actuación do grupo de baile Bilitroque. Para os que aínda teñan gañas, tamén poden cear berberechos e quedar ata a verbena, tamén coa Orquestra Almirantes e o Dúo Chic.
Estacionamento
Berberechos en salsa
A cita está organizada pola ADCR Baldaio, coa colaboración do Concello, e, en previsión das traicións do tempo, conta cunha gran carpa e aparcadoiro gratuíto con capacidade para aproximadamente 500 vehículos e dúas vías de acceso. Respecto dos prezos das racións, a organización explica que no caso da empanada e a carne, será similar ao de anos anteriores, pero que para saber o prezo do polbo e dos berberechos haberá que esperar a última hora, porque o importe varía dependendo da oferta e da demanda e non o saberán até o mesmo día ou o día antes. En todo caso, tentarán axustalo a prezos populares para que ninguén se quede sen probar os bivalvos.
Así que, para probar o mellor do noso mar, pasar un bo rato e botar uns bailes xa sabedes onde tendes que ir: á XXII Festa do Berberecho de Baldaio.
Aquí tendes as coordenadas do lugar da festa en Google Maps: 43.300832, -8.641352