Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñece o noso firmamento coas Xornadas...

Compartir:

Coñece o noso firmamento coas Xornadas astronómicas de Monte Neme!

As citas están previstas para o sábado 10 e o martes 13 de agosto e inclúen a observación das Perseidas ou un especial sobre a chegada do home á Lúa

Imaxe do amencer despois da Andaina das Estrelas de 2018

Imaxe do amencer despois da Andaina das Estrelas de 2018 | 📷 AD Media Ducia

Un ano máis a Plataforma pola defensa de Monte Neme, coa colaboración da AD Media Ducia, celebra unhas xornadas astronómicas que non deixan de gañar en seguidores. Será o sábado 10 e o martes 13 de agosto con dúas actividades destinadas a coñecer mellor o noso firmamento con citas entretidas e divulgativas nas que o obxectivo principal é observar o ceo do verán e a "choiva de estrelas", tamén coñecida como Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo. Así, entre o 9 e o 15 de agosto é o momento en que está previsto ver un maior número de estrelas fugaces (meteoros): pequenos restos de rocha deixados por un cometa, que ingresan á atmosfera da Terra a velocidades extremadamente altas.

As citas son de balde, pero a andaina precisa de inscrición previa; podedes obter +info en info@monteneme.org

  •  O sábado 10 de agosto está prevista a Andaina das Estrelas, unha ruta nocturna de subida ao cumio do Monte Neme, guiada pola Plataforma, con saída dende Razo (fronte ao Art Surf Bar) ás 20.30 horas e chegada ao punto de observación sobre as 23.00 horas. As e os asistentes farán noite no monte e baixarán ao amencer do día seguinte, entre as seis ou as oito da mañá, até o punto de partida. A organización recomenda levar calzado e roupa cómoda, roupa de abrigo (inluíndo un impermeábel), lanterna, saco de durmir, esterilla e bolsa para o lixo. A cita é de balde, aínda que require inscrición previa, que pode formalizarse até o xoves 8 de agosto cubrindo un formulario clicando AQUÍ. +info no enderezo electrónico <info@monteneme.org>.

  • O martes 13 de agosto será a quenda dunha actividade de Introducción astronómica e especial 50 anos da chegada á Lúa, que inclúe tamén unha observación das Perseidas. Neste caso, o divulgador Manuel Rey Pan realizará un monográfico da chegada do home á Lúa, cunha clase maxistral do físico José María de la Viña que realizará unha introdución sobre a observación do ceo nocturno e o fenómeno da choiva de estrelas. A saída será ás 22.00 horas dende o Gadis de Carballo (a organización non proporciona medio de transporte, cada un leva o seu). O monográfico e o faladoiro serán de 23.00 a 1.00 horas e a observación libre das estrelas de 1.00 a 4.00 horas. +info no enderezo electrónico <info@monteneme.org>.

Ademais, este ano, como novidade, haberá un Concurso fotográfico durante as dúas xornadas para escoller as mellores imaxes das actividades. As bases publicaranse no seu momento no Facebook da Plataforma pola Defensa de Monte Neme. Así que, xa sabedes, collede a roupa de batalla e unha cámara de fotos e a gozar do ceo nocturno de Carballo!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica