Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Para coñecer os Contos mariños de Carballo...

Compartir:

Para coñecer os Contos mariños de Carballo...

O Centro Social de Imende acolle o xoves 1 de agosto a partir das 20.30 horas un faladoiro participativo sobre o libro de Xabier Maceiras

Contos mariños de Carballo

Coñecer a orixe do apelido Pacoret, naufraxios que datan de 1910, historias sobre embarcacións con nomes como Andros Patria ou Princesa de Asturias, investigacións coa axuda dos maiores da costa carballesa. Son só algunhas das cousas que atoparedes no faladoiro sobre o libro Contos Mariños de Carballo, de Xabier Maceiras, que terá lugar o xoves 1 de agosto a partir das 20.30 horas no Centro Social de Imende. Na cita tamén estará presente o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e hai que subliñar que a actividade está aberta á participación de todas e todos os asistentes, que poderán opinar, preguntar e achegar información baixo a moderación do autor do libro. Ademais, contaremos coa participación dalgúns dos veciños que facilitaron a información necesaria para elaborar esta recompilación de historias arredor do pulso e da vida do noso mar.

A cita contará coa presenza de varios dos veciños que axudaron ao autor a recompilar as historias sobre o noso mar

Contos mariños de Carballo é un libro incluído no proxecto GALP Carballo é mar e saca á luz os feitos que forman parte da nosa historia mariñeira, incluidos naufraxios e peculiares travesías, moitos deles agochados na memoria e rescatados para que a historia, na que tamén hai algunha catástrofe medioambiental, non volva a repetirse. Barcos de mercadorías, petroleiros, pesqueiros... todos aparecen neste libro singular. Así que xa tendes escusa para vir a Carballo a visitar a nosa costa e, nomeadamente, a parroquia de Noicela e o Centro Social de Imende o xoves 1 de agosto.

Exposición de imaxes da nosa costa

Ademais, este verán o proxecto Carballo é mar -creado para poñer en valor o litoral carballés- complétase no Centro Social de Imende coa exposición "O mar de Carballo en catro estacións", que recolle imaxes realizadas polo xornalista de La Voz de Carballo Santi Garrido. A primeira etapa desta mostra tivo lugar en decembro de 2017 no Fórum Carballo, e agora volve para visitar o mar que tan ben reflicte, xa que estará durante boa parte do verán no Centro Social de Imende atendendo a solicitude das veciñas e veciños do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos.

En "O mar de Carballo en catro estacións" poden descubrirse moitos dos recunchos do litoral que son menos coñecidos e que non teñen nada que envexar ás mellores paisaxes da Costa da Morte. Dende Santa Mariña e As Percebeiras, a Leira, Razo, Baldaio, Pedra do Sal, o surf, os bañistas, as ondas. O mellor da nosa costa aparece nas imaxes dunha mostra na que podemos ver como o noso mar e as nosas paisaxes van evolucionando co paso das estacións do ano. 

Carballo é mar!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica