Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Praias // Razo: mar aberto ao Atlántico

Compartir:

Razo: mar aberto ao Atlántico

O litoral que vai desde a praia de Razo até Baldaio é un dos areais máis longos de toda Galicia. Nel verás morrer o sol tralas illas Sisargas.

Razo é desas praias que non se esquecen porque te recarga con toda a enerxía do mar aberto ao Atlántico.

Con todos os servizos, recoñecida con bandeira azul, dinámica e con múltiples posibilidades para o ocio e o deporte.

De douradas areas e solpores de intensas cores que morren detrás das illas Sisargas, este amplo areal é, ademais, un importante espazo protexido pola súa riqueza natural e paisaxística.

Deporte e ocio

Deporte e ocio en Razo

Deporte e ocio en Razo

Razo é unha praia dinámica, chea de vida, con sitio para todo o mundo.

Para quen procure aventura e deporte surfeando as ondas, practicando o mergullo, xogando ao volley praia ou facendo parapente.

Para as familias, que teñen nela un areal seguro e dotado de todos servizos.

Para quen queira gozar do animado ambiente da que é por antonomasia a praia das e dos carballeses e un dos areais máis coñecidos da contorna.

Mesmo quen busque intimidade e soidade poderá atopala nas súas dunas.

Aprendendo a cabalgar as ondas

Surf RazSurfCamp

Surf RazSurfCamp

Surf ArtSurfCamp

Surf ArtSurfCamp

Temos en Razo varias escolas de surf. Algunha delas mesmo é pioneira en España na organización de surf camps. Ofrecen cursos para todas as idades, así como un abano amplo de actividades complementarias.

A elas achéganse rapazas e rapaces de moi diversas nacionalidades que deciden pasar aquí uns días de campamento.

Mais tamén a iniciación ao surf e a súa práctica é unha boa alternativa mesmo para quen estea só de paso pola zona. Entre os meses de abril e setembro, as mareas que veñen do Atlántico descargan con forza nestas nosas costas do extremo occidental peninsular, facéndoas ideais para a practica deste deporte. O verán é o mellor momento para a iniciación.

Praia fósil

Praia fósil

Praia fósil

Razo agocha unha interesante sorpresa. É unha praia fósil!

O areal existía xa hai miles de anos pero estaba moito máis elevado que na actualidade, aproximadamente á altura da zona verde hoxe en día habilitada para o paseo.

E é que no cuaternario, o desxeo dos cascos polares fixo que o nivel do mar subira de modo moi considerable.

Fíxate na zona de cantís. Non son de rocha dura, senón de pequenos cantos e area. Poderás ver neles os distintos estratos de terreo conformados polo paso do tempo.

E é que esta praia semella unha caste de organismo vivo. Nin sequera dun día para outro está igual, porque o traballo das mareas e da auga sobre a rocha é constante.

Imaxínate como puido variar co paso de tantos centos de anos!

Xoia xeolóxica

Duna en Razo

Duna en Razo

Razo é toda unha xoia para aquelas persoas que estudan como foi variando a codia terrestre ao longo dos séculos. Nesta zona do litoral carballés nace a Depresión Meridiana, un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galicia. Tanto é así que esta fondeira racha o territorio de Galicia de Norte a Sur, unha liña de fracturas no terreo duns 140 quilómetros que vai dende Razo até Tui, xa na provincia de Pontevedra.

Collede un mapa de Galicia e fixádevos como, precisamente nesa liña recta que vai de Carballo até Tui, nos vales conformados pola Depresión Meridiana, se encaixan moitos dos principais ríos galegos e tamén das vilas con importantes asentamentos termais, como é o caso do propio Carballo ou de Caldas de Reis.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica