Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A píllara das dunas convértese en escultura para...

Compartir:

A píllara das dunas convértese en escultura para defender a protección da natureza

Unha reprodución de ferro e vimbio está xa situada en Razo para server de símbolo a prol do medio ambiente e como colector de plásticos

Vista da píllara situada en Razo

Vista da píllara situada en Razo

A píllara é unha das especies de aves máis representativas do complexo dunar e natural de Razo-Baldaio e unha das máis ameazadas. Por iso tamén será o símbolo da campaña "Eu ❤️ Razo-Baldaio" na forma dunha fermosa escultura que estará durante todo o verán situada na Explanada de Razo. Está feita cunha estrutura de ferro realizada polo artesán carballés Fabián Lage e cunha cuberta de vimbio realizada nun dos talleres de "Eu ❤️ Razo-Baldaio" e impartido pola creadora téxtil e artesá cesteira Idoia Cuesta. Numerosas veciñas e veciños, dende nenos a adultos e persoas máis maiores, teñen contribuído a través do obradoiro á creación desta peza que tamén será un colector no que depositar os plásticos da praia.

A escultura foi creada polos artesáns Idoia Cuesta e Fabián Lage e por veciñas e veciños que participaron no proceso

Tanto Lage coma Cuesta, que ademais de artesá é bióloga, destacan a relevancia de “concienciar á xente sobre a importancia de recoller o lixo”, en verbas do artesán. A súa compañeira de proxecto subliña, así mesmo, o traballo colaborativo que se levou a cabo, e aproveita para reivindicar “a protección do ecosistema dunar e toda a contorna do litoral”. A píllara vai contribuír a ese obxectivo, porque ademais dunha escultura fantástica é un "colector" de plástico, que xa empezou a encherse de lixos.

Todo o verán

Proceso de creación

Proceso de creación

Agora esta fermosa escultura, realizada de forma colectiva nunha das naves do Fórum Carballo, quedará durante todo o verán na praia de Razo como símbolo permanente da importancia da reciclaxe, de coidar o medio ambiente, de defender as especies protexidas como a píllara e, en definitiva, de querer a Razo e Baldaio, un dos nosos patrimonios naturais máis importantes.

Ademais, o programa "Eu ❤️ Razo-Baldaio" continúa até o mes de setembro con citas todas as semanas nas que a veciñanza e os e as visitantes poden participar de forma gratuíta. Non só pasaredes un rato entretido, senón que aprenderedes moito da nosa contorna natural e apredenderedes a coñecela e a coidala. Aquí tendes toda a info: http://bit.ly/EuqueroRazo-Baldaio.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica