Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo segue medrando en arte urbana con Alén

Compartir:

Carballo segue medrando en arte urbana con Alén

O parque da Praza do Hospital conta xa cunha escultura, así como con papeleiras, xardineiras e bancos obra do artesán carballés Fabián Lage

Alén por Fabián Lage

Alén por Fabián Lage

Carballo conta dende hoxe cunha nova peza de arte urbana, a escultura “Alén”, obra do artesán Fabián Lage e situada na Praza do Hospital de Carballo. Trátase do primeiro traballo escultórico deste carballés que estudou na Escola Taller do Concello e que con esta obra pretende reflectir “a superación persoal do ser humano fronte á adversidade”. De feito, a historia desta peza comeza o 30 de decembro de 2015, cando unha racha de vento deu en tirar un ciprés centenario situado no corazón do Xardín Municipal. A árbore estaba moi deteriorada por dentro e os fortes temporais daquel inverno terminaron de tombalo. Pero agora a madeira desta árbore supérase a si mesma cunha nova vida dentro desta escultura.

A peza está realizada con restos dun ciprés centenario do Xardín Municipal que foi derrubado polo vento

Lage asumiu a tarefa de reaproveitar e reciclar a madeira do ciprés non só coa creación de “Alén”, senón tamén co reto de dotar de mobiliario urbano á Praza do Hospital. O resultado fala por si mesmo, nun proceso que levou tres anos, 1.800 horas de traballo e 10.000 liscos de póla de ciprés só nos bancos, papeleiras e xardineiras. E cunha escultura que vai “máis aló do que os nosos ollos ven” en verbas de Lage. En “Alén” o autor  empregou produtos de última xeración, tanto no tratamento de conservación e protección da madeira, como na fabricación das réplicas das partes humanas que compoñen a peza, que están feitas a partir de modelos ao natural.

Variedade cromática

Fabián Lage e a súa obra

Fabián Lage e a súa obra

A peza escultórica, de gran tamaño, ofrece un variado espectro cromático no que a luz xoga un papel fundamental, tanto para potenciar a intensidade das cores como para percibir ese cúmulo de sensacións que pretende transmitir, xa que segundo a súa posición e dirección ofrece un tornasol cheo de brillos resplandecentes que pasan dun negro acibeche a un caoba con escintileos dourados. Así, a falta de luz vólvea dun negro intenso mentres que con luz directa adquire transparencia, descubríndonos reflexos dourados da madeira.

Fabián Lage é especialista en restauración e reproducións en madeira, nomeadamente en mobles e carpinteirías antigas. Aínda que xa comezara a facer algunha incursión na escultura con pezas de pequeno tamaño, el mesmo di que “Alén” é a súa primeira obra deste tipo. Para Lage “’Alén’ é vida despois da morte, un renacemento que nos permita vivir e convivir con dignidade. Unha necesaria actitude vital que nos incita a buscar espazos de rebeldía e liberación polos que poder fuxir de tantas gaiolas, reais e imaxinarias, que nos manteñen atenazados”.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica