Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Primavera enDanza: tradición e modernidade

Compartir:

Primavera enDanza: tradición e modernidade

Do 26 de abril ao 12 de maio Carballo e todos os seus recunchos respiran baile con seis espectáculos e numerosas actividades paralelas

Primavera enDanza

Compañías galegas e de Madrid, baile tradicional, para público infantil, para adultos, unha clase maxistral, encontros co público, danza nos centros de ensino ou na rúa. Primavera enDanza cumpre dezasete anos puntual na súa cita co público con seis espectáculos e numerosas actividades paralelas que fan deste programa un dos máis importantes de Galicia para a danza contemporánea. O Pazo da Cultura volve acoller os espectáculos: propostas arriscadas e outras máis accesibles a todo tipo de público. As entradas: entre 2 e 4 euros, e os bonos, 16 euros o ordinario e 14 o reducido (para maiores de 60 anos, menores de 12 e titulares de carné de estudante). Poden adquirirse de forma anticipada en www.ticketea.com e no teléfono 902 044 226, ou de xeito presencial na billeteira do Pazo desde unha hora antes do comezo de cada función.

A XVII Primavera en Danza inclúe actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, que comezaron o pasado 6 de abril coa masterclass “A contemporaneidade no baile tradicional”, que Fran Siera impartiu no local social de Berdillo. Pero ademais, o festival sairá do Pazo da Cultura e presentaranse dous espectáculos de sala en espazos públicos de Carballo: o martes 23 de abril La Macana visitará os institutos do concello e o 3 de maio será a compañía de Paula Quintas quen avanzará Plastic no xardín municipal (13.00h.). E, como en anteriores edicións, ao remate de cada función terá lugar un encontro dos espectadores cos coreógrafos e directores.

Espectáculo a espectáculo

  • 26 de ABRIL. 21.00 h. Entresoños, de Fran Sieira. Peza de baile e música tradicional galega creada desde o marco da danza contemporánea. Ten unha forte carga teatral, na que a tradición é o mecanismo de expresión. 4€/3€ con desconto.
  • 21 de ABRIL. 20.30 h. Pink Unicorns, de La Macana. Padre e fillo fusiónanse nunha obra que combina diferentes tipos de baile con esceas teatrais. Unha oportunidade única de gozar de dous corpos nacidos para o movemento. 4€/3€ con desconto.
  • 3 de MAIO. 21.00 h. Plastic, de Paula Quintas-Traspediante. Fiel reflexo dunha sociedade que dá máis valor ao aspecto das persoas que ao seu interior. Un espectáculo arriscado cunha artista multidisciplinar como é Paula Quintas. 3€/2€ con desconto.
  • 4 de MAIO. 20.30 h. La desnudez, de Daniel Abreu. Unha proposta ética sobre o saber quererse con dúas persoas en escena acompañadas polo grave son do vento no metal. Unha viaxe entre o amor e a morte. 4€/3€ con desconto.
  • 5 de MAIO. 18.00 h. Gaia, de Entremans. A compañía galega convida ás nenas e nenos a afondar nun tema de grande importancia: o planeta. Dende unha óptica visual e imaxinativa, fusionan pintura, música, audiovisual e danza. 4€/3€ con desconto.
  • 12 de MAIO. 20.30 h. Actuación de Xacarandaina. Henrique Peón dirixe este grupo de música e baile tradicional que, fundado en 1978, conta na actualidade cuns 60 compoñentes, a maioría formados na propia escola do grupo. 3€/2€ con desconto.

Primavera enDanza está organizado pola Concellaría de Cultura de Carballo con cinco citas coreográficas pertencentes ao programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Aquí tendes un petisco do programa coa Cía Entremáns!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica