Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Razo aspira a converterse en reserva mundial do...

Compartir:

Razo aspira a converterse en reserva mundial do surf

Xunto con outras nove praias da Costa da Morte presenta unha candidatura para ser a primeira World Surfing Reserve de España e a segunda de Europa

Moza practicando surf en Razo / Foto: Miguel Navaza

Moza practicando surf en Razo / Foto: Miguel Navaza

Razo, xunto con outras nove praias da Costa da Morte, aspira a converterse na primeira reserva mundial de surf (World Surfing Reserve) de España e a segunda de Europa. A Deputación da Coruña, xunto co tecido empresarial e a comunidade surfeira da comarca presenta a candidatura ante a ONG Save the Waves Coalition. Razo é o núcleo neurálxico do proxecto, xa que foi precisamente na praia carballesa onde xurdiu o xermolo do movemento arredor do surf, con escolas como Raz Surfcamp, que ten xa 27 anos de percorrido. Xunto con Razo, conforman a candidatura os areais de Baldaio, Malpica, Caión, Nemiña, Mar de Fóra e Seaia, entre outros, nos concellos de Malpica, A Laracha, Muxía ou Fisterra.

O obxectivo é posicionar a Costa da Morte como destino de surf e tamén promocionar o turismo sostible

Na Costa da Morte hai numerosas praias que destacan pola calidade das súas ondas, explican dende a Deputación provincial, o que permite que o surf se practique durante todo o ano. Deste xeito, a comarca é un destino menos estacional que outros nos que se realiza esta práctica deportiva, o que atrae a visitantes en calquera estación. Ademais, a Costa da Morte caracterízase por praias naturais e con pouca afluencia, con puntos como Razo que xa conta cunha importante comunidade que vive do surf e con recoñecemento internacional como destino deportivo. O obxectivo do proxecto é non só velar polo posicionamento deste destino neste nicho de mercado, senón tamén promocionar o turismo sostible.

Save the Waves

Save the Waves Coalition é unha ONG do mundo surfeiro que naceu en 2009 coa finalidade de protexer as ondas das praias cun alto valor ambiental, cultural, económico e social. Coa figura de World Surfing Reserve teñen recoñecidos once territorios en todo o mundo que dende que acadaron esa denominación son hoxe destinos a nivel internacional.

Forman parte deste selecto club Noosa, Gold Coast e Manly Beach (en Australia), Punta Borinquer (Puerto Rico), Guarda do Embarú (Brasil), Punta de Lobos (Chile) Bahía de Todos Santos e Baja (México), Huanchaco (Perú), Santa Cruz e Malibú (California) e Ericeira (Portugal).


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica