O Interplay encherá Carballo de humor feminista, sororidade e videoxogos
O festival complétase con nomes como El Hematocrítico, David Sainz, Manuel Bartual ou a preestrea da nova serie de Flooxer producida polos Javis
Datas: 3, 4, 5 e 6 de abril. Lugar: Pazo da Cultura. Actividades, todas de balde: masterclasses, preestreas, shows humorísticos, faladoiros, obradoiros, Zona Pro, taller Kamikaze, podcast... De todo atoparedes no festival Carballo Interplay. Empezamos coas cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López que congregan a millóns de seguidoras e seguidores nas redes sociais. Despois de acadar o éxito global hai dez anos cos seus vídeos cómicos, Pichot e López percorren o mundo cun show de humor con trazas de musical fallido, Hermostra, que se poderá ver en Galicia por vez primeira o venres 5 de abril no Pazo da Cultura de Carballo. Pero o show das cómicas arxentinas son será o único contido feminista desta nova edición do Carballo Interplay.
O festival de contidos dixitais pon o foco, unha vez máis, nas mulleres creadoras e xuntará tres nomes de referencia no audiovisual dixital -Anabel Lorente, Lula Gómez e Rocío Quillahuaman- para falar de como a sororidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de todas as idades e de todo o mundo. E máis agora, que o feminismo deu un golpe na mesa global para facerlle fronte á violencia machista e ao patriarcado. Compartirá conversa con elas Isabel Cano, investigadora e desenvolvedora de videoxogos, responsable dos talleres de Girls Make Games en España e colaboradora activa en FemDevs. Cano ofrecerá a palestra Nin musas nin segundonas: as mulleres que crearon a industria do videoxogo, homenaxe ás mulleres que forman e formaron parte da industria do desenvolvemento de videoxogos, e mais un obradoiro gratuíto de creación de videoxogos destinado a nenas de 10 a 13 anos.
Completarán o programa formativo desta edición o Campamento Kamikaze e mais a masterclass gratuíta Cómo crear para unha canle de YouTube? dunha das xestoras e a directora de proxectos da canle Tik Tak Draw. A partir da experiencia e estratexia de Asubío Media en YouTube, un enfoque cara ao traballo de comunidade, redes sociais e marketing dixital co que xa leva conseguido máis de 5 millóns de subscritores.
E ademais...
Imaxe promocional de Terror y feria
Manuel Bartual, que no verán de 2017 conseguiu facer viral un elaborado fío no que contaba unha historia de misterio sobre as súas propias vacacións, é un vello amigo do Interplay;e Hematocrítico, que xunta as súas facetas de tuiteiro famoso e de escritor para erguer sagas de ficción pegadas á actualidade coa participación dos seus seguidores, visitarán Carballo para falar co público do festival sobre Narrativas de ficción en Twitter. E é que, no medio de todo o ruído, debate, memes, polémicas e zascas propios desta rede social, tamén é posible contar historias de ficción que enganchen a milleiros de usuarios.
David Sainz, director e protagonista de Mambo e Malviviendo, volve un ano máis ao Interplay, nesta ocasión para gravar ao vivo o Podcast Jirafas, man a man co humorista Juan Amodeo, e co cómico David Suárez e mais o guionista Enrique Lojo como convidados. Tamén a familia Prieto Flores (Borja Prieto e Natalia Flores) trasladará ao Pazo da Cultura de Carballo o salón da súa casa, para conversar ao vivo con diferentes convidados que pasen estes días polo Interplay, como Charo López, Malena Pichot, El Hematocrítico, Rocío Quillahuaman ou Lula Gómez no show ao vivo Na casa con Los Prieto Flores.
A nova serie de os Javis preséntase como un Black Mirror con toques de Chicho Ibáñez Serrador ou Alfred Hitchcock
O Carballo Interplay consolídase como referencia para o sector dos contidos dixitais no Estado, coa pre-estrea de Terror y feria unha serie producida polos Javis para Flooxer, a plataforma nativa dixital de Atresmedia. Diríxea Benja de la Rosa e preséntase como "un Black Mirror co espírito de John Waters, Alfred Hitchcock, La Veneno e Chicho Ibañez Serrador". No seu reparto está xente tan ilustre como Antonio Pagudo, Secun De la Rosa, Angy Fernández, Sandra Escacena, Eloi Costa, Itziar Castro, Brays Efe, Soy una pringada, Estefania De los Santos, Jimmy Castro ou Mariona Terés, entre outros numerosos cameos e sorpresas.
Últimos días para presentar proxecto de webserie en galego
As persoas que queiran presentar os seus proxectos de webserie en galego poden facelo ata o domingo 17 de marzo a través da web carballointerplay.com. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.500 euros que deberán destinarse á produción dos tres primeiros capítulos da webserie, resolverase cun pitching en directo durante o festival. E o resultado estrearase na sétima edición do Carballo Interplay.
Comeza a conta atrás para o Interplay!