Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, incluído no Parque do Megalitismo da...

Compartir:

Carballo, incluído no Parque do Megalitismo da Costa da Morte

O dolmen de Pedra Moura de Aldemunde será un dos recursos clave neste proxecto que persegue recuperar e poñer en valor o noso patrimonio

Dolmen de Aldemunde / Foto: Santi Garrido

Dolmen da Pedra Moura de Aldemunde / Foto: Santi Garrido

Conservar e promover o patrimonio da Costa da Morte é un dos obxectivos da creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, un proxecto do que Carballo forma parte xunto con outros nove municipios e que contará cun orzamento de medio millón de euros. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra en Galicia que son a trabe desta iniciativa que busca conservar o patrimonio e contribuír a súa difusión. En Carballo, o proxecto xirará arredor do dolmen da Pedra Moura situado na parroquia de Aldemunde.

O proxecto inclúe a rehabilitación dun total de 14 xacementos arqueolóxicos situados en 10 concellos da comarca

En total, serán 14 xacementos os que integren o parque, incluíndo o de Carballo, co de Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo; A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes e Rabós en Vimianzo; e Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. O Dolmen de Dombate de Cabana de Bergantiños ou "catedral do megalitismo", aínda que ten o seu propio plan director, será o recurso alicerce clave no proxecto.

A Pedra Moura

Dolmen da Pedra Moura / Foto: Santi Garrido

Dolmen da Pedra Moura / Foto: Santi Garrido

O dolmen da Pedra Moura é un dos máis grandes de Galicia. Este antigo monumento funerario arrastra milenios ás súas costas. A historia dátao entre o 3.500 e o 2.700 antes de Cristo, na época de apoxeo da cultura megalítica. Hoxe en día só conserva cinco dos sete chantos que o constituían en orixe. Di a lenda que as pedras que conforman esta anta foron carrexadas por unha muller dende o petón de Calvelo, mentres fiaba na roca e aleitaba unha crianza.

Está situado no interior do concello, na parroquia de Aldemunde (Brañas do Carrexal), a máis pequena de Carballo, nunha zona de grande interese paisaxístico e ecolóxico. Preto atopamos o castro de Aldemunde e, na mesma parroquia, un espazo natural de gran valor, a Ribeira da Pena, un dos bosques autóctonos máis importantes da Costa da Morte.

Coordenadas en Google Maps
43.183111, -8.626446


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica