Dezasete días de pentagramas con dezasete agrupacións: Novembro con música
Jazz, rock, música coral e tradicional, actividades infantís, a banda do Conservatorio, contos, exposicións, monicreques: todas as citas de balde
Jazz, rock, música coral e tradicional, actividades infantís, a banda do Conservatorio, contos, exposicións, monicreques: de todo e para todos os públicos ten cabida no Novembro con Música (NCM) 2018. Dende o venres 9 até o luns 26 de novembro haberá 17 días de música con 11 concertos nos que participarán 20 agrupacións, aos que hai que sumar espectáculos musicais-teatrais, unha exposición, monicreques para os máis cativos e cativas, a homenaxe a Santa Cecilia... Todas as citas son no Pazo da Cultura a excepción de dous espectáculos para nenos e nenas na Biblioteca Rego da Balsa e unha actuación musical nos institutos contra a violencia de xénero a cargo de A Tropa de Trapo.
Na maioría das actuacións 17 agrupacións musicais carballesas serán as protagonistas co obxecto de difundir o traballo que realizan ao longo do ano nos locais de ensaio do Concello ou nos diferentes centros sociais. Entre as citas, podemos subliñar o Live in Cances, un concerto pop-rock que cumpre trece anos animando a parroquia e que este ano contará con Lowcos, Psychofonia, Versión Imposible e Dude; ou os Sons de aquí, concerto de música tradicional. Non hai que esquecer o tradicional concerto de Santa Cecilia, coa Coral Polifónica de Bergantiños ou a Foliada da Banda Municipal de Gaitas e o Coro Aires de Bergantiños. Nin o concerto da Banda de Música do Conservatorio.
Novidades
Entre as citas propias desde ano, hai que destacar o concerto Jazz Vocal, que conta coa colaboración da Deputación e que será "a capella" con temas de jazz pero tamén de bossa nova, funk, soul... Ou unha residencia artística de Federico Vladimir Strate e Pablo Esbert co proxecto Status do colectivo RPM co apoio da Agadic. Hai que mencionar a exposición fotográfica, 15 visións, que poderá visitarse do 23 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura; ou as actividades musicais en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, 25 de novembro.
Escolle a túa cita e a gozar co mes de Santa Cecilia!