As risas, leas, fantasmas e misterios da obra La Valentía poñen fin ao 27 FIOT
A proposta de La Zona e o dramaturgo Alfredo Sanzol conta coa actriz Inma Cuevas, vella coñecida do festival que xa visitou Carballo con Constelaciones
Inma Cuevas (en primeiro plano) é unha das protagonistas de La Valentía, con Estefanía de los Santos / Foto: Javier Naval
O mércores 31 de outubro a compañía madrileña LaZona estrea en Galicia a obra “La Valentía” para poñer o punto e final á 27 edición do FIOT, na que o público puido gozar con corenta e un espectáculos, dos que doce foron estreas en Galicia e tres estreas absolutas. A obra do mércores é unha comedia tola que reúne todos os ingredientes para que sexa esmendrellante: enredos, misterios, portas, sustos, equívocos, sorpresas, casa encantada, situacións rocambolescas, disparates, ritmo endiañado e ata fantasmas. E por suposto un elenco de actores formidables, entre os que destacamos a Inma Cuevas, vella coñecida do festival carballés, que visitou por primeira vez con Constelaciones. Á súa longa traxectoria en teatro, hai que sumar a televisiva, con series como Vis a vis (Antena 3 e FOX TV) ou La zona (Movistar TV).
A cita é o mércores 31 de outubro no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas: o prezo da entrada, 12 euros
Durante a función, seis extravagantes personaxes deben afrontar os seus medos, superar o paraíso perdido e as herdanzas do pasado que nos lastran. “Realizar os cambios necesarios para avanzar a un proxecto de futuro require valentía”, suliña o director da obra. Alfredo Sanzol, o autor e director, é un dramaturgo consagrado, con xa catro Max ao mellor autor, Premio Nacional de Literatura Dramática 2017 e Premio Valle Inclán, precisamente por unha obra coa que nos deleitou na anterior edición do noso festival, “La ternura”. Os intérpretes de “La Valentía” son, xunto con Inma Cuevas, Jesús Barranco, Francesco Carril, Estefanía de los Santos, Font García e Natalia Huarte.
A cita: o mércores 31 de outubro ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Despide o FIOT por todo o alto en Carballo!