Ruta polos murais de arte urbana
Máis de 60 murais de arte urbana cobren as paredes e medianeiras de Carballo para mudar a vila nun auténtico museo ao aire libre
O sistema, de Emi de las Heras
[MAPA ONLINE: https://goo.gl/6X5zep]
Derrubando Muros con Pintura é unha iniciativa de arte urbana que está a converter a Carballo nun auténtico museo ao aire libre. O proxecto quere curar con creatividade as feridas urbanísticas que, ao igual que en tantas vilas galegas, deixou o crecemento urbano dos anos 60 e 70. Xa pasan dos sesenta os traballos de diversos artistas internacionais, nacionais e locais que derruban muros con pintura en Carballo.
Ademais dos murais que se van creando ao longo do ano, cada mes de maio a vila celebra o Rexenera Fest, o primeiro festival de arte pública de Carballo. Grazas a esta cita, nomes de artistas que deixan o seu talento en verdadeiras obras de arte ao longo e ancho do mundo, tamén deixan pegada no pobo, sorprendendo a quen se anima a percorrer as rúas e os vai atopando en cada recuncho e á volta de cada esquina.
Dende o primeiro mural que, na primavera de 2014, inauguraron a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile, Carballo ten percorrido unha longa andaina para chegar á variedade de temas, cores, técnicas e espazos que seguen a transformar a urbe. Se en lugar de atopalos pouco a pouco, prefires seguir unha ruta para velos todos, aquí tes toda a info en Google Maps. Disfrútao!