Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cinco rutas de sendeirismo para os domingos de...

Compartir:

Cinco rutas de sendeirismo para os domingos de outono!

Senda Nova leva sete anos percorrendo con nós a comarca para ofrecernos xornadas de aventura e convivencia entre natureza, lama e sorrisos

Un momento da Ruta das Férvedas 2017 - Foto: Senda Nova

Un momento da Ruta das Férvedas 2017 - Foto: Senda Nova

Gústache a natureza? Estás farto dos domingos de sofá? Queres mellorar un chisco a túa forma física? Se respondes que si a calquera destas preguntas, temos a actividade perfecta: o Outono en Marcha de Senda Nova. A asociación ambiental carballesa ofrece para os meses de outubro, novembro e decembro un programa de rutas de sendeirismo que cumpre xa sete anos levando a centos de persoas polas mellores paisaxes da zona. Para esta tempada 2018, inclúense cinco percorridos para darlle vida a outros tantos domingos cunha actividade que ten como obxectivos difundir coñecemento, interpretar o noso patrimonio, sensibilizar sobre o medio ambiente e crear espírito de aventura e convivencia, nomeadamente aproveitando a riqueza da nosa comarca de Bergantiños.

Este ano os mércores haberá un programa en Radio Cerceda para escoitar online e falar de cada un dos percorridos

A través das andainas tamén se contribúe á recuperación do noso patrimonio ambiental e cultural ao tempo que se camiña por unhas paisaxes de enorme beleza. As citas tamén contan con paradas interpretativas nas que as persoas que mellor coñecen a nosa contorna contan todos os seus segredos e curiosidades. Nesta edición as rutas son Senda das Capelas, Terras do Marqués, Pegadas do Wolframio a Ruta das Férvedas e o remate coas Fragas de Catasós, pasando polos municipios de Carballo e A Laracha, e pola comarca do Deza. Este ano, ademais, os interesados e interesadas poderán escoitar dende Radio Cerceda o programa "Da Lareira á Lameira", que fará unha viaxe previa polas rutas a través das ondas dos que serán os lugares a percorrer en cada unha das andainas: en directo online os mércores a partir das 12:30 horas.

RUTA A RUTA

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Senda das Capelas: 28 de outubro. Transcorre polo Concello da Laracha, pola parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre aproximadamente 16 quilómetros, cunha dificultade media. Neste caso, e por proximidade xeográfica, a saída dende o Concello da Laracha farase ás 8.30 e non ás 8.00 horas como é o habitual.
  • Terras do Marqués: 11 de novembro. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. Distancia: 14 quilómetros.
  • Pegadas do Wolframio: 18 de novembro. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros
  • Ruta das Férvedas: 25 de novembro. Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros.
  • Fragas de Catasós - Comarca do Deza: 2 de decembro. Transcorre polo municipio de Lalín e a distancia aproximada é de 8 quilómetros, con dificultade media-baixa. Senda Nova remata o programa saíndo da comarca para visitar unhas fragas con exemplares excepcionais de castiñeiros e carballos, declarado Monumento Natural precisamente por estas árbores centenarias. 

Información útil

As inscricións poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; como no Museo de Bergantiños os mércores de 17.00 a 19.00 horas; e tamén no Espazo da Natureza de Oza os xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. +info no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 611 037 617. O prezo para participar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores. No caso das Fragas de Catasós o prezo será superior e determinarase no seu momento.

Telo todo claro? Pois a camiñar!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica