Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Termalismo // Un pouco de historia

Compartir:

Un pouco de historia

Plano e alzado

Plano e alzado

A sona das augas mineromedicinais vén de vello. Xa durante o imperio romano se coñecían as súas excelentes propiedades.  

Din os historiadores que Carballo puido ser Glandimiro, vila situada á beira da vía Per Loca Maritima en época romana. Xunto a estas augas termais, as e os camiñantes cansos atoparían un lugar idóneo recuperar forzas.  

Deses restos romanos aínda se conserva, nas instalacións actuais, unha antiga arqueta. Os baños foron redescubertos no século XVIII e, grazas a iso, Carballo é hoxe o que é. Corría o ano 1716 cando un veciño da zona quixo indagar que sucedía naquel lugar do que saían estraños vapores. Non atopou o tesouro que esperaba, mais si os restos dunha manancial de augas mineromedicinais.  

O dono do terreo, ao comprobar como as augas curaban a súa propia doenza reumática, construíu unha casa hospital e unha capela en honor á virxe da Estrela. De aí o nome da rúa na que hoxe está situada o balneario, unha das máis céntricas de Carballo. Daquela a vila non existía e as e os primeiros bañistas paraban na aldea máis próxima ás augas, o que hoxe en día é o barrio da Lagoa.

Baños Vellos

Baños Vellos

No século XIX, o conde de Torre Penela mellorou as instalacións do balneario. O número de bañistas aumentou de modo considerable e chegou a superar o milleiro no ano 1871. As nosas centenarias augas foron recoñecidas xa por aquel entón como unhas das mellores de toda Europa.

A importancia das nosas augas fixo que, o que até entón era só unha pequena aldea da comarca de Bergantiños, se convertera nunha vila en continuo crecemento. Mesmo o antigo camiño real que comunicaba A Coruña con Fisterra e Santiago cambiou o seu trazado para pasar pola vila e así mellorar o seu acceso para as e os bañistas. Carballo ficou así convertido non só en vila termal senón tamén no máis importante cruce de camiños da comarca.

Na actualidade, as nosas augas termais contan co distintivo Q de calidade e son unha milagreira fonte non só de saúde, senón tamén de beleza, benestar e relax. Un poderoso atractivo que trae á nosa vila todos os anos a centos de bañistas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica