Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O Entroido visita Carballo por segunda vez no ano...

Compartir:

O Entroido visita Carballo por segunda vez no ano grazas ao Premio Luis Ksado

A mostra do galardón visita o Pazo da Cultura do 11 de setembro ao 2 de outubro para amosarnos a serie de fotografías do gañador, Xoán Crespo

Unha das imaxes da serie gañadora

Unha das imaxes da serie gañadora

O Entroido chega este ano por segunda vez a Carballo grazas ao Premio fotográfico Luis Ksado, promovido pola Deputación Provincial da Coruña. O galardón non só é un premio de fotografía. A proposta vai máis alá, xa que supón unha aposta polas imaxes máis próximas, o documentalismo, o foto-xornalismo... En definitiva, por unha serie de imaxes que contan unha historia e amosan a capacidade narrativa e de comunicación da linguaxe fotográfica. Despois de 13 edicións, estamos ante un dos certames de referencia no eido da fotografía, e nas vindeiras semanas teremos a oportunidade de deleitarnos coas imaxes seleccionadas en Carballo.

O horario de visita, na sala de exposicións do terceiro andar do Pazo da Cultura, é de luns a domingo de 17.00 a 21.00 horas

Desde o 11 de setembro até o 2 de outubro poderemos desfrutar no 3º andar do Pazo da Cultura de Mascaritas, o entroido solitario, de Xoán Crespo, autor galardoado nesta 13ª edición por unha colección que na que ofrece unha visión moi particular e orixinal do entroido galego. A súa obra foi escollida entre as 95 coleccións presentadas, o que reflicte o prestixio do premio. Mascaritas. Entroido solitario achega outra ollada sobre unha festa moi retratada como tradición colectiva e social, Laza, Verín, Xinzo, Xerais..., pero que adquire novos significados, nalgúns casos mesmo inquedantes, grazas a este fotógrafo pontevedrés afincado en Santiago de Compostela.

Do sudeste asiático ao deserto

Pero a mostra que pode visitarse en Carballo tamén acolle outras series que, aínda que non gañaron, son tamén moi interesantes. Entre caladas de Manuel Touza, lévanos polo mundo suxestivo das sombras e o branco e negro e Manuel Valcárcel, descríbenos a dureza do transporte do xeo no sueste asiático coa serie Ice guy. Así mesmo, A persistencia do deserto queda perfectamente narrada na recompilación de imaxes de Fuco Reyes. A obra Paradiso é unha aproximación ao mundo máis inmediato de Carmen Aguado. José Manuel López aposta polo foto-xornalismo máis puro, para reflectir a violencia contra os cristiáns en Irán, na serie Éxodo cristián de Irán. After the quake é unha visión intimista do Xapón despois do terremoto, feita por Noela Roibas.

O premio complétase co nomeamento como Fotógrafo Histórico a Carlos Valcárcel, autor asentado en Lugo, onde desenvolveu a súa obra durante máis de 50 anos. Valcarcel retratou o rural galego cunha mirada respectuosa e de nostalxia, cara un mundo que ten máis de pasado que de presente.

Así que, xa sabedes, podedes visitar a mostra no Pazo da Cultura na sala de exposicións Alberto Gende situada no terceiro andar. De luns a domingo de 17.00 a 21.00 horas. Máis abaixo podedes ver a serie gañadora!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica