Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Flores, gastronomía, música e deporte un ano máis...

Compartir:

Flores, gastronomía, música e deporte un ano máis nas Festas da Milagrosa

O domingo 2 poderán verse as tradicionais alfombras nunhas celebracións con actividades da mañá á noite durante toda a fin de semana

Unha escolma de alfombras realizadas en anos anteriores

Unha escolma de alfombras realizadas en anos anteriores

Esta fin de semana tendes unha cita na Milagrosa e, nomeadamente, coas espectaculares alfombras de flores que cada ano cobren as rúas do barrio carballés. A tradición cumpre xa 30 anos e a encargada de coordinar ás xentes do barrio para que todo vaia ben é Lola Queijo, que xa ultima os preparativos. Este ano quen queiran colaborar poden achegar flores brancas. E tamén poden traballar durante toda a noite do sábado ao domingo, esforzándose para que os mellores e máis fermosos deseños adobíen o barrio nun efémero ornamento que cada ano congrega a numerosos visitantes, veciños e curiosos. Poderedes admirar as alfombras durante a mañá do domingo, antes de que a Virxe camiñe sobre delas na procesión.

Como cada ano, os veciños e veciñas elaboran as alfombras para que os mellores e máis fermosos deseños adobíen o barrio

Pero ademais das alfombras, que sen dúbida son un dos principais atractivos das festas, o sábado 1 e o domingo 2 hai outras moitas actividades durante todo o día: deporte, gastronomía, música, liturxia... Comezamos con deporte: o sábado volve o II Desafío Milagrosa, unha carreira de obstáculos ben divertida que tamén serve como reto. Pasar a través dun coche desmontado, mover pacas de palla, cruzar andamios, zonas de reptado e equilibrio, ramplas engraxadas.. son só algúns dos elementos cos que se enfrontarán os e as 110 participantes.

Sardiñada e verbenas

Seguimos con gastronomía. O mesmo sábado a partir das 19.00 horas hai unha sardiñada popular. E continuamos con liturxia e todos os actos na honra da Virxe. O primeiro a procesión das antorchas o venres 31 de agosto pola noite. Unha comitiva moi vistosa que sae ás 22.00 horas. O domingo xa temos a misa na honra da Virxe e a procesión a continuación a partir das 12.30 horas. Tamén hai misas ás 9.00 e ás 19.00 horas.

E rematamos coas verbenas e actuacións musicais. O sábado comeza ás 22.30 horas cunha orquestra sorpresa e a Disco móbil CDC. O domingo a verbena é a partir das 22.00 horas coa orquestra Versalles e ao mediodía tamén hai sesión vermú coa mesma orquestra logo da misa. Como vedes, de todo, moi variado e para todos os gustos atoparedes esta fin de semana en Carballo. Agardamos por vós!

Horario de actividadees

VENRES 31:

  • 22.00 h. Procesión das antorchas
SÁBADO 1:
  • 9.00 h. Disparo de bombas de palenque.
  • 10.00 h. II Desafío Milagrosa.
  • 19.00 h. Sardiñada popular.
  • 20.00 h. Confección de alfombras florais.
  • 22.00 h. Verbena coa Disco móbil CDC e unha orquestra sorpresa.
DOMINGO 2:
  • Exposición das alfombras florais antes da misa de mediodía.
  • 9.00 h. Misa na honra da Virxe da Milagrosa.
  • 12.30 h. Misa na honra da Virxe da Milagrosa e procesión. 
  • 13.30 h. Sesión vermú coa orquestra Versalles.
  • 19.00 h. Misa na honra da Virxe da Milagrosa.
  • 22.00 h. Fin de festa con verbena coa orquestra Versalles.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica