Coñece a nosa música e baile máis tradicional!
O venres 31 de agosto un festival pecha o Verán Cultural coa actuación das agrupacións carballesas que recuperan o mellor do noso folclore
Un dos grupos de baile tradicional de Arume de Berdillo
Para moitos facer turismo non é só visitar as praias e sitios emblemáticos dun lugar, senón tamén vivir as súas xentes, a súa gastronomía e a súa cultura. Por iso, como cada ano, neste 2018 a programación do Verán Cultural pecha cunha nova edición do Festival de Música e Baile Tradicional que reunirá sobre o escenario da Praza do Concello a algunhas das agrupacións folclóricas con máis historia de Carballo. Amosarán unha escolma dos seus mellores temas e bailes o venres 31 de agosto a partir das 22.00 horas.
Este ano, entre os grupos convidados están a Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Música e Baile Tradicional da AC Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Berdillo, os Grupos de Música e Baile Tradicional da AC San Martín de Razo e o Coro Aires de Bergantiños. Durante espectáculo, os e as participantes farán gala do mellor folclore tradicional galego a través do so baile, a música e o vestiario como parte do noso rico e variado patrimonio etnográfico.
Coma todas as citas do Verán Cultural, a actuación é de balde! Xa sexades de aquí ou de fóra, vinde a coñecer mellor a nosa cultura!