A parroquia de Cances convídavos á Festa do Pichorro!
A comisión agarda que máis de 400 persoas se dean cita nesta homenaxe ao millo que cumpre 16 anos e que está prevista para o sábado 25 de agosto
Así de ateigada estaba a carpa o ano pasado / Foto: Francisco Méndez
Hai 16 anos os veciños e veciñas de Cances decidiron render homenaxe a un dos produtos que máis se cutivan na nosa terra: o millo. A idea xurdiu da nenez e mocidade dalgúns, que cando volvían de bañarse no río collían algúns pichorros que atopaban de camiño para merendar. E de aí naceu o xermolo dunha festa tradicional que reparte cada ano arredor de 300 pichorros de millo branco tenro da terra -as racións son máis, xa que cada un dá para máis de unha. Entre a veciñanza, pero tamén entre xente que aproveitando as vacacións na zona acode ao reclamo da cita chegada de Bilbao, Valencia, Sevilla ou Asturias.
Ademais do pichorro, o menú inclúe cachelos, panceta, chourizos, churrasco e costelas
Para levar a cabo a idea, sumou o feito de que non existise ningunha festa de exaltación do millo pola zona; e o nome de "pichorro" ocorréuselle a un veciño da parroquia ben coñecido en Carballo polo seu traballo artístico, Miguel Anxo Calvo, "O'Miguelo". Dende os comezos, en que era unha festa pequena, evolucionou até as máis de 400 persoas que se xuntan hoxe en día baixo a carpa, dende o ano pasado aínda máis grande (cobre unha superficie duns 400 metros cadrados) para que todo o mundo poda comer sentado.
Concurso de debullamento
Concurso de 2017 / Foto: Francisco Méndez
Ademais, segundo explica Francisco Méndez dende a Asociación San Campio de Cances, que se encarga da organización, a festa é moito máis que unha cita gastronómica. Cada ano tentan que a música e a cultura tinxan toda a celebración. Así, teñen visitado a carpa dende sevillanas, ata música africana e a tradicional regueifa. Precisamente esta última volve este ano con Lupe Blanco e Suso de Xornes (que xa estivera no ano 2009). Tamén haberá música tradicional con Fol de Veneno e baile co Dúo Libertad. E de comer, moito máis que millo: cachelos, panceta, chourizos, churrasco, costela e de postre pan de ovo con queixo e xeado.
Outra dos atractivos da Festa do Pichorro é o Campionato de Debullamento de Millo co mango do Fouciño, que cumpre este ano sete edicións. A idea foi dun integrante da asocación pero ao final é unha das actividades que ten máis éxito. A tal punto que o ano pasado gañou o campionato un participante de fóra da parroquia. O certo é que non é nada fácil a técnica, porque hai que dar coa forza axeitada para non esmagar os grans do maíz. Merece a pena velo.
A cita comeza ás 20.00 horas coa actuación do grupo de música tradicional Fol de Veneno. A carpa ábrese sobre as 20.30 horas para que a xente tome posicións tranquilamente nas mesas e a comida comeza a servirse ás 21.00 horas. Segundo avance a noite irase celebrando o campionato e logo da cea serán as regueifas e o baile.
A que apetece o pichorro?