Area, mar, brisa... ven a correr pola praia de Razo!
O domingo 26 de agosto ten lugar a carreira de 5 quilómetros que organiza Os Muditos: aberta para todos os perfís deportivos e todas as idades
A carreira de Os Muditos celebra a súa quinta edición
En Galicia o calor do verán non adoita ser un obstáculo para os amantes do atletismo. O running non para, xa que os afeccionados teñen a oportunidade de participar en competicións especialmente pensadas para esta etapa do ano e sen as temperaturas abafantes doutras latitudes. A praia gaña protagonismo dándolle aos deportistas novas superficies e experiencias para correr, exercitar o corpo e divertirse. E iso é o que ocorre coa carreira "5Km correndo pola praia de Razo" que organiza o club deportivo Os Muditos o domingo 26 de agosto. 300 prazas para que quen queiran participar, federados, afeccionados, nenos, adultos, veteranos, en definitiva, todo o mundo, goce coa experiencia de correr pola area mollada da praia.
A inscrición pode formalizarse até o mércores 22 de agosto ás doce da noite no web www.carreirasgalegas.com
Así, trátase dunha carreira popular, non profesional e gratuíta. E aínda podedes inscribirvos, até o mércores 22 de agosto ás doce da noite (23.59h.). O obxectivo da proba é a promoción do atletismo en Carballo e a contorna ante o auxe desta práctica deportiva entre os veciños e veciñas. E no verán, Razo convértese nun lugar de encontro e de lecer non só para os carballeses e carballesas, senón para unha multitude de persoas (turistas, emigrantes, estranxeiros, xente dos arredores...) sendo un lugar privilexiado para a práctica deportiva e en particular para andar e correr. A poucas horas do peche da inscrición (mañá do mércores 22) xa hai 170 inscritos e inscritas en todas as categorías, destacando os 37 para a a categoría "pitufo".
A PROBA, AO DETALLE
- Saída: Explanada da praia de Razo.
- Inscricións: A data límite é o mércores, 22 de agosto ás 23:59 horas. No web <www.carreirasgalegas.com>.
- Retirada de dorsais e chips: O mesmo día da proba, ata media hora antes do comezo de cada carreira.
- Avituallamento e duchas: Ao final de cada proba entregarase aos e ás deportistas unha bebida. Haberá baño na praia controlado por socorristas do Concello de Carballo ou servizo de duchas na propia praia de Razo.
PREMIOS
- Recibirán trofeo/medallas os tres primeiros e as tres primeiras clasificadas da carreira de maiores de cinco quilómetros de distancia.
- Recibirán trofeo/medalla os primeiros e as primeiras clasificadas de cada categoría, menos os pitufos que levarán todos e todas medalla.
- Recibirán un premio especial o primeiro e primeira clasificados do Concello de Carballo.
- Ningún deportista levará máis dun premio.
- Haberá un premio especial “A vida co deporte”.
A carreira "5Km correndo pola praia de Razo" está organizada polo Club Deportivo Os Muditos xunto coa Federación Galega de Atletismo cos seguintes colaboradores e patrocinadores: Concello de Carballo, Deputación da Coruña, Viraxes SL, Lotería Alexandra, Metal Cebey, Bema e Centro de formación rural Fonteboa.
Vémonos o domingo en Razo!