Gústache o indie folk? Empeza a exploralo con Caxade...
Esta formación galega recoñecida co premio Martín Códax da Música toca o venres 20 en Carballo da man do Verán Cultural; coma sempre, de balde
Caxade está formado por catro músicos
O indie folk chega a Carballo da man de Caxade. Trátase dun proxecto de catro músicos que retoman, cos seus acordes, os antigos sons das orquestinas da vella Europa do século XIX. Crean folk-pop cun toque minimalista e mesmo de sons bucólico-pastorís. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo post-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. Aínda que Caxade é neste momento a banda musical de Alonso Caxade, en realidade naceu no último trimestre do ano 2012 como un proxecto audiovisual transgresor a través da publicación de varias video-creacións con Javier Antelo Seoane, Íria Pinheiro e Tánia Ameneiro. Crearon un universo surreal de persoas con cabezas que soan chocando potas, que moven fíos para enganarnos coma se fósemos moscas que danzan.
O concerto terá lugar a partir das 22.30 horas na Praza do Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña
En novembro de 2013 Caxade editou no selo cooperativo Discos da Máquina o seu primeiro traballo discográfico titulado A Dança dos Moscas cos músicos que forman a banda na actualidade: Manu Paino (trompeta e teclado), Manu Espinho (bombardino e trombón), Xosé Tunhas (batería) e o propio Alonso Caxade (voz e acordeón). Dous anos despois, en decembro de 2015, saíu á venda o CD A Dança dos Moscas ao vivo gravado coa Banda de Música da Bandeira.
E isto é o Amor
Nunha das súas actuacións
O seu último disco E isto é o Amor saiu á venda o 14 de maio de 2016. Trátase dun álbum cunha coidada produción na que se introducen elementos eletrónicos que crean un produto con forza e imprescindible para os amantes da música indie folk. Precisamente por este traballo recibiron o premio Martín Códax da Música. Trátase do segundo traballo de estudo e o terceiro da discografía de Caxade. E isto é o Amor tamén foi o vídeo-single de adianto, no que conta com Leandro Lamas como director, con Javier Antelo Seoane na cámara e edición e unha letra de Séchu Sende que Alonso Caxade musicou.
Ademais do Premio Martín Códax, tamén teñen recibido outras distincións como Artista nos XIII Premios Opinión, gañador do "Certame Música Xove" e representante galego no SUNS Europe 2015. En resumo, e segundo publicou Plaza Pública: "Caxade, o folkie que gusta aos indies, o indie que gusta aos folkies". Achegádevos o venres 20 de xullo ás 22.30 á Praza do Concello de Carballo para comprobalo! De balde!
Cita incluída no programa Verán Cultural coa colaboración da Deputación da Coruña.