Moito máis que unha cachela: Protexida
A rúa río Sil amosa estes días o traballo de Maximino, que reproduce un dos murais más tenros do Rexenera Fest e co que agocha unha mensaxe
Maximino leva traballando na cachela arredor de mes e medio
O Concurso de Cachelas é en Carballo tradición, noite meiga, lume purificador e festa. Pero ás veces é moito máis. Pode ser arte, reivindicación, tenrura, saudade, solidariedade, traballo, tesón e pode mesmo reflectir a identidade de todo un barrio. E iso é o que ocorre coa cachela "Protexida", que arderá o 23 de xuño diante dos ollos do seu creador e que está situada na rúa Río Sil da capital municipal. Maximino é o responsable de ideala e, este ano, mesmo de construíla en soidade. Leva un mes e medio traballando de forma altruista para que os seus veciños e veciñas gocen coa sua idea de plasmar o mural do Rexenera Fest que está situado nesta rúa e que é obra de Animalitoland: "Espello".
A cachela é un espello que reinterpreta o mural de Animalitoland, sendo unha reivindicación a prol da identidade das mulleres
Maximino leva 25 anos facendo as cachelas do seu barrio. Gañou tres veces, conseguiu tres segundos postos, un terceiro e un cuarto no Concurso de Cachelas de San Xoán. En toda a súa traxectoria tardou un feixe de tempo en conseguir calidade para as súas estruturas, e mentres que durante moitos anos eran moitos os que traballaban na construción da cachela, agora, co paso dos anos (ten 38) cada un ten a súa vida, e os seus traballos e queda só el coa sua afección incansable. Dende que Animalitoland (Graciela) pintara o seu "Espello", quixo facer unha cachela que lle rendese homenaxe. Porén, o ano pasado xa comezara o seu "Nadador" e non puido ser. Pero este ano quixo matar o capricho.
Contra a violencia de xénero
Aínda quedan por engadir detalles
O título da cachela ía ser "Rexenera-te", pero sensibilizado con todas as mobilizacións de mulleres dos últimos meses, decidiu cambialo polo de "Protexida". Explica que a nena do debuxo durme placidamente nos brazos do dragón, e que el quere denunciar que as mulleres deben estar igual de protexidas. Inspirado por casos como o da Manada e outros moitos de violencia de xénero, quixo darlle un novo significado ao mural, reinterpretando a obra. As mulleres tamén están presentes na dedicatoria, xa que quere ter un momento para brindarlle a cachela á súa nai. Falecida o pasado mes de outubro, explica que sempre apoiou o seu traballo nas cachelas, e que lle parecía moi boa idea a de reproducir o mural do seu barrio. Dicíalle que se animara, que seguro que quedaba ben. E tiña razón...
Respecto da técnica que emprega, realiza un armazón de madeira para a estrutura e a base. Logo vai cubrindo con cartón e finalmente con cartón pedra feito con papel de xornal e cola. Por último, bota as mans de pintura. Explica que lle costou moito reproducir a face da nena, algo moi complicado tan só usando cartón, pero esforzouse por engadir o maior número de detalles no resto da cachela. De feito, a foto desta reportaxe está tomada dous días antes da noite meiga do 23, e aínda lle faltan moitos elementos do acabado. Non deixedes de achegarvos á rúa Río Sil para vela en persoa.
O futuro da cachela... Pois arder a noite do sábado con todas as demais. Para queimala, Maximino estará acompañado de amigos e veciñanza. Ata 45 persoas nunha sardiñada a carón do mural. Porque arte é vida!