Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Ruta para non perderse polas verbenas do San Xoán...

Compartir:

Ruta para non perderse polas verbenas do San Xoán 2018

Entre o venres 22 e o luns 25 de xuño as festas ofrecen a música e o baile de cinco animadas orquestras; aquí vos deixamos toda a info

Tendes claro cantas verbenas temos estes días en Carballo? Con que orquestras? A que horas? Por se acaso aínda dubidades aquí vos deixamos unha folla de ruta con toda a información para que non perdades nin un compás, nin unha nota. Facede os vosos plans e pasádeo ben!

VENRES 22 DE XUÑO: A PARTIR DAS 22.30 HORAS

Orquestras Trébol (abaixo) e Compostela

Orquestras Trébol (abaixo) e Compostela

  • Orquestra Trébol: Esta agrupación naceu alá por 1948. Serán poucas as persoas galegas de certa idade que non bailasen con esta orquestra, xa que nos seus 60 anos de actuacións ininterrompidas ten participado en miles de festas populares, así como en casinos, hoteis, restaurantes, salas de festas, emisoras de radio e televisión. No ano 2008 gravou o seu primeiro disco, con intención de celebrar o seu 60 aniversario e recoller nesta gravación temas propios. Hoxe en día toca por toda Galicia. Preparádevos para bailar a eito! +info: www.facebook.com/orquesta.trebol
  • Orquestra Compostela: Fundada no ano 1919, a Orquestra Compostela é hoxe a máis antiga de Galicia en activo, a que máis discos gravou e a que máis ten promocionado a música galega. Ao principio amenizaba a proxección das películas mudas e animaba os bailes das sociedades compostelás. En 1951, cando tiña de vocalista ao gran Pocholo, fíxose cargo da súa dirección un mozo músico de Boiro, trombón solista da Banda de Santiago e violinista, chamado Manuel Muñiz. Con el á fronte durante máis de cincuenta anos, a orquestra viaxou por todo o mundo e adquiriu prestixio. Hoxe en día segue a súa prestixiosa andaina. +info: www.facebook.com/orquesta.compostela

SÁBADO 23 DE XUÑO: A PARTIR DAS 22.30 HORAS

Orquestra Nebraska

Orquestra Nebraska

  • Orquestra Nebraska: O grupo Nebraska créase no ano 2003 sendo en 2004 cando se produce a súa incursión no mundo da verbena. Os primeiros anos non foron fáciles, pero a pesar diso, o afán por facerse un oco no amplo catálogo de formacións musicais, deu o pulo necesario para que non se renderan. Na actualidade contan con 8 músicos en escena, todos eles avalados pola súa profesionalidade e experiencia laboral, e en cada actuación procuran o goce do público coa súa música en directo e un repertorio ameno e de calidade. Dádelle unha oportunidade! +info: www.facebook.com/Nebraska-Grupo

DOMINGO 24 DE XUÑO: 1.00 HORAS (LOGO DE CAFÉ QUIJANO)

Orquestra Olympus

Orquestra Olympus

  • Orquestra Olympus: Xa moitos saben que Olympus está radicada en Negreira e co paso do tempo é considerada polo público como unha das mellores orquestras de Galicia. Despois de catro traballos discográficos, varios DVD en vivo e miles e miles de actuacións  seguen mantendo a mesma ilusión e a enerxía intacta para seguir crecendo e ofrecendo cousas novas aos seus seguidores ano tras ano. Máis de 200 actuacións cada tempada; máis de 25 horas en 2008 no concerto de "Olympus e amigos", coa colaboración de diferentes artistas como Cristina Pato, Nacha Pop, A Unión e Marta Sánchez. Olympus convídanos a que sigamos nesta viaxe con eles durante moito tempo e que sigamos crecendo e soñando xuntos. Este ano celebran o seu 20 aniversario con todo o seu público. Non deixedes de ver as sorpresas de aniversario! +info: www.facebook.com/orquestaolympuspaginaoficial

LUNS 25 DE XUÑO: A PARTIR DAS 22.30 HORAS

Orquestra Anaconda

Orquestra Anaconda

  • Orquestra Anaconda: A Orquestra Anaconda fundouse no ano 2002 en Santander (Cantabria). Ano tras ano, a agrupación tenta renovarse para ofrecer unha imaxe nova, tanto en calidade musical como posta en escena. No ano 2008 apostaron por cambiar a un espectáculo máis grande, incluíndo máis músicos, máis montaxe e un tráiler-escenario novo. As distintas coreografías, postas en escena na súa maioría polos cantantes, o despregamento en son e iluminación e a dinámica no seu repertorio fan que unha actuación de Anaconda sexa diferente. O seu principal obxectivo: facer que a festa sexa unha festa especial, con música de todos os estilos e cun rigoroso directo. +info: www.facebook.com/orquestaanaconda


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica