Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Xa sabemos que as raíñas do San Xoán son as...

Compartir:

Xa sabemos que as raíñas do San Xoán son as sardiñas, pero hai unha primeira dama: a broa

A veciñanza, e especialmente a mocidade, está recuperando a tradición de acompañar co pan de millo as parrilladas da noite das cachelas

En varias panadarías do Mercado podedes comprar a broa para acompañar as sardiñas

En varias panadarías do Mercado podedes comprar a broa para acompañar as sardiñas

A raspa da sardiña é un dos símbolos do San Xoán. Cada ano Carballo inúndase o 23 de xuño do arrecendo deste peixe que acompaña ás cachelas e que para moitos é un auténtico manxar. Pero a raíña das festas ten unha primeira dama ben xeitosa e que tamén ten unha longa tradición na gastronomía dos festexos, e é a broa. Nuria, de Panadería Nuria, asegura que vende moita estes días, por encargo para as cachelas e tamén no despacho, e subliña que isto ocorre cada vez máis coa mocidade, que está recuperando os bos costumes. É certo que durante todo o ano é a xente maior a que consume a broa máis de cotío -para acompañar o caldo, por exemplo- pero nestas datas todos os veciños e veciñas queren coroar o pan de millo coa sardiña nunha auténtica delicia gastronómica. Cando o pan está gustoso e a sardiña fresca, pode ser unha delicatessen, ademais dun símbolo da noite meiga.

A broa no San Xoán cómese coroando o pan de millo coa sardiña para deixar que o prebe do peixe lle dea novas texturas e sabores

O pan de millo elabórase de forma moi parecida ao pan de trigo. Bótase auga, fariña de millo, un pouco de fariña de trigo, o sal, o fermento e xa temos a masa. A única diferencia, apunta Nuria, é que leva sobre media hora máis de cocción respecto do pan de trigo. Trátase dun pan moi axeitado para comer con peixes e mariscos, e é do máis apetitoso empapado do aceite e do sal das sardiñas, que se comen usando a broa como plato para deixar que o prebe do peixe lle dea ao pan novas texturas e sabores. Nuria asegura, ademais, que a broa ten cada vez máis público ao longo do ano, solicitada en moitos restaurantes para facer propostas de alta cociña. E Carballo, como non podía ser doutro xeito, é un dos mellores lugares para probala, coa garantía da nosa marca Pan de Carballo. Nuria véndea estes días no Mercado a 3€ o quilo.

As sardiñas e as sobremesas

Peixería do Mercado vendendo sardiñas

Peixería do Mercado vendendo sardiñas

Agora que xa temos claro que o mellor para acompañar ás sardiñas é a broa, tamén hai que prestarlle atención ao peixe protagonista do San Xoán. Aínda que a maioría das grandes cachelas que invadirán Carballo a noite do 23 xa as teñen encargadas, tamén hai quen as compra a última hora, ou en menor cantidade. A dous días da noite das cachelas no Mercado están a entre 5€ e 6€ o quilo, mais en todas as peixerías avisan de que segundo avance día irán aumentando o prezo, ao igual que mañá e pasado. Aproveitando o xoves de feira, a xente estaba xa mercándoas de cara ao sábado 23.

Por se acaso despois de comer as sardiñas aínda quedástedes con fame ou sodes dos que non perdoades a sobremesa, nas panaderías de Carballo tamén podedes mercar o pan de ovo, o biscoito e as tortas de améndoa que estes días voan dos estantes. Nuria explícanos que a de améndoa é unha das máis solicitadas, porque aguanta ben varios días e moitos reservan esta sobremesa para degustala durante toda a fin de semana de festa. E se ademais de comida e sobremesa queredes algún entrante, xa que xa temos raíña e pimeira dama, vamos a designar tamén á princesa das festas, que sería a empanada de bacallau. Alomenos no que a produtos de panadaría se refire. Xa sabedes. unha vez ao ano os excesos non fan dano...

Non estades chupando xa os dedos? Vinde ao San Xoán de Carballo! Gastronomía e festa van da man!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica