Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Milu Correch, a faciana máis contracultural do...

Compartir:

Milu Correch, a faciana máis contracultural do Rexenera Fest

A arxentina encargarase de revitalizar unha parede na rúa Vila de Laxe cunha imaxe na que deixa liberdade interpretativa ao espectador

Mural de Milu Correch en Italia

Mural de Milu Correch en Italia

Milu Correch é a segunda das presenzas internacionais do Rexenera Fest, xunto coa do seu compatriota, o arxentino Bosoletti. Naceu, vive e probablemente morrerá en Bos Aires, Arxentina. Filla dun pintor afeccionado e dunha profesora de literatura, ten percorrido Europa (Lisboa, Belgrado, Perpiñán…) realizando intervencións en diferentes espazos urbanos cos seus traballos de arte urbana. Pero tamén segue a realizar murais en Bos Aires. No seu tempo de lecer le, anda en bici e tamén lle gusta o mundo das tatuaxes.

As obras de Correch están na Arxentina, pero tamén por toda Europa e por España, como cunha especial Dulcinea en Quintanar de la Orden

Non é moi amiga das entrevistas e tampouco pretende que a sitúen dentro dunha ou outra corrente artística, aínda que é considerada unha das expoñentes da arte urbana porteña. Tenta fuxir do mercantilismo e do sensacionalismo do street art. Cando lle preguntan de que van as súas obras responde que da "ambigüidade", ou "do que queiras", deixando liberdade interpretativa ao espectador.

Comeza a pintar o mércores 23 de maio

Sempre garabateou máis alá das súas actividades principais e fai uns anos aprendeu a pasar pequenas imaxes a metros cadrados. Os muros fóronse agrandando e sumando, o que lle permitíu viaxar con brocha e rolo en man. Manchou paredes na súa cidade natal, outras cidades arxentinas e outras tantas doutro lado do océano. Agora segue pintando tratando de mellorar muro a muro, pincelada a pincelada.

A finais de 2017 a web holandesa Street Art Today escolleu unha das súas obras como un dos sete mellores murais do mundo do mes de novembro, o que catapultou a repercusión do seu traballo. Nos últimos tempos afirma que comezou unha serie de murais de bruxas... Haberá que ver se unha desas meigas aterra en Carballo. En concreto, na rúa Vila de Laxe, onde esta inconformista será das primeiras en comezar a pintar no Rexenera Fest, o mércores 23 de maio.

Agardamos impacientes a súa contribución ao noso museo ao aire libre!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica