Carballo a un paso

Inicio // Artículos // “Recomendo a lectura de Contos mariños de...

Compartir:

“Recomendo a lectura de Contos mariños de Carballo porque abre camiños ao pasado e á recuperación da memoria”

Xabier Maceiras presenta na Praza dos libros o seu último traballo, parte central do proxecto GALP Carballo é mar, financiado, nun 80 por cento, polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca da Unión Europea

Contos mariños de Carballo

Portada de "Contos mariños de Carballo" [FOTO: PAULA VÁZQUEZ]

PAULA VÁZQUEZ
“Todas as miñas creacións teñen coma denominador común escoitar aos nosos maiores”. O escritor Xabier Maceiras (Arteixo, 1970) chega mañá á Praza dos Libros para presentar “Contos mariños de Carballo”, unha nova publicación do Concello de Carballo que nace co obxectivo de persistir na idea de que Carballo ten mar e de sacar á luz os feitos que forman parte da nosa historia mariñeira, moitos deles agochados na memoria dos máis vellos das parroquias costeiras. Obra que garda un afecto especial para Maceiras, xa que lla dedica ao seu curmán recentemente falecido, Paco Souto. Conversamos con el.

-Como xorde a idea de recoller nun libro as historias dos naufraxios acontecidos na costa carballesa?
-A idea xorde a raíz das investigacións levadas a cabo entre os anos 2011 e 2012 para o meu outro libro "O mar de Arteixo e os seus naufraxios". Así, na procura de datos para ese traballo foron aparecendo informacións sobre o litoral de Carballo que fun recompilando para un futuro e hipotético libro, informacións que posteriormente, e logo de concretalo co Concello de Carballo, darían pé a estes "Contos mariños".

-No libro hai unha referencia constante a fontes orais e escritas. Canto tempo durou e como foi o proceso de documentación da obra?
-Como xa che comentaba, as fontes escritas empecei a recollelas en arquivos e hemerotecas para as investigacións de "O mar de Arteixo e os seus naufraxios", e posteriormente para "De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam". Estas informacións funas recompilando durante anos, e a partir do verán do 2015 comecei a ir polas parroquias costeiras de Carballo para coñecer á xente maior de 70, 80 e 90 anos e conseguir que me contaran eses contos mariños de lareira que escoitaban na súa casa cando eran cativos.

-Entre os 35 capítulos que podemos ler, houbo algunha historia que che impresionara en especial? -Unha das que máis me impactou foi a do sinistro do petroleiro "Andros Patria” acontecido en 1979 e no que, ademais da desfeita medioambiental, houbo un balance final de 19 desaparecidos, 11 mortos e 3 superviventes. Outras historias que tamén me impresionaron foron as traxedias das embarcacións pesqueiras como a catástrofe do "Princesa de Asturias", acontecida en novembro de 1910 na que afogaron 10 mariñeiros; ou a máis recente dos "Tonechos", con 9 víctimas afogadas nos Baixos en outubro de 1991.

Xabier Maceiras

Xabier Maceiras

-E algunha máis difícil de documentar?
-Se cadra foi a do apelido Pacoret. Cando a señora Consuelo Pacoret Regueira me contou a historia que hai detrás dese apelido marchei axiña para Compostela, para consultar no Arquivo Diocesano os libros de casamentos, falecidos e bautizados das parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos. Tiven que ir catro días ao devandito arquivo, mais ao final atopei a ese náufrago francés, a François Pacoret!

-Quedou algún conto no tinteiro?
-Si, estívenlle seguindo a pista a unha información sobre a presenza de Cristóbal Colón ou dun fillo seu na parroquia de San Martiño de Razo, datos que finalmente non puiden contrastar xa que no Arquivo Diocesano de Compostela non puiden ver o Libro de Fábrica desa parroquia debido ao seu mal estado. A pista (unha información que atopei nun xornal de 1926) parece indicar que estivo en Razo, pero mentres non se poida consultar ese libro de visitas pouco máis podemos dicir.

-Nas redes socias de ‘Carballo é mar’ xa fomos adiantando moitas das historias que recolle o libro. Que destacarías do que aínda non se leu e porque recomendarías a súa lectura?
-Do que aínda non se leu nas redes destacaría o capítulo "Outros contos mariños” no que aparecen unhas 30 historias das que, ao non ter suficiente información, non puiden construír un conto en condicións. E recomendo a lectura de “Contos mariños de Carballo” porque é un arado que abre camiños ao pasado, que abre camiños á recuperación da memoria e, obviamente, para non esquecer eses contos de lareira que forman parte da tradición cultural mariñeira. Contos cos que agardo que a xente de fora da comarca de Bergantiños identifique que Carballo ten mar.

-Non é a primeira vez que escribes sobre os naufraxios. “O mar de Arteixo e os seus naufraxios”, “De Liverpool ás Sisargas”... Que destacarías desta experiencia?
-Todas as publicacións que teño editadas teñen un denominador común: escoitar aos nosos maiores! Da igual que sexan de Malpica, de Carballo, de Arteixo ou de calquera outro punto da Costa da Morte. Penso que non somos conscientes de que os nosos maiores foron testemuñas, ou participaron dalgún xeito, nos grandes cambios que houbo no século pasado. O ritmo de vida frenético que levamos impídenos ver o tesouro que os máis vellos gardan na súa memoria, e é por iso que non debemos desaproveitar a oportunidade de escoitar as súas lembranzas e vivencias.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica