As comedias conquistan o palmarés do IV Carballo Interplay
A todo riesgo e Pésame Street gañan dous premios cada unha e Hai vida en Bran? acada o premio ao mellor proxecto de webserie en galego
Unha imaxe de A todo riesgo
A cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que converteu durante tres días a vila coruñesa na capital da cultura dixital global, pechou o telón esta noite coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e que cada ano recibe máis de 140 propostas de todo o mundo. As comedias foron as grandes triunfadoras da velada, aínda que entre as premiadas hai un amplo abano de matices, mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.
Unha imaxe de El partido
Pésame Street gañou dous galardóns, o de animación e o do público, coa súa resposta á pregunta: "Que nos dirían os animais se puidesen falar?", mentres que A todo riesgo acadou os de mellor webserie de imaxe real e o de mellor actor, para Miguel Lago Casal. Esta última conta a historia de Pedro Germán e Max, que sempre soñaron con ser inspectores de homicidios pero que só conseguiron un traballo como peritos de seguros. Na categoría de mellor webserie de imaxe real, o xurado composto polo guionista Rubén Ontiveros, pola guionista e creadora de contidos Isa Calderón, polo director Javi Camino e máis por Javier Trigales -en representación da Asociación Galega de Guionistas- e Giselle Llanio -en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia- quixo facer tamén unha mención especial para Te quiero, yo tampoco, unha comedia documental que retrata a relación do director, Miguel Bosch, coa súa parella, Fran. Ambos os dous teñen catro meses para decidir que facer coa súa vida… e para coñecer todo tipo de rapaces gais dentro e fóra dos estereotipos.
Imaxe de Teño unha horta
Teño unha horta en San Sadurniño, que naceu coa intención de compartir o coñecemento das mulleres maiores do rural galego en relación cos traballos no campo, acadou o galardón de mellor webserie en versión orixinal en galego, mentres que a comedia israeliana You're the next conquistou o premio á mellor webserie internacional coa súa historia de cinco trintaneiras buscando o seu camiño na vida. O xurado fixo tamén unha meción especial para a arxentina Si me volviera a enamorar, que se centra no entrañable vencello de amizade de tres adultos de arredor de corenta e cinco anos.
A segunda temporada da comedia política El partido, que o ano pasado conquistara o premio á mellor webserie de imaxe real, acadou nesta edición o premio CREA á mellor dirección para Álex Rodrigo. Mentres que Hilario Abad e José Luis Bustillo conseguiron premio AGAG ao mellor guión polo seu traballo en Caniville, que narra as aventuras e desventuras dunha pandilla de canis. Finalmente, Teresa Cuesta fíxose co premio á mellor actriz polo seu papel en El show de Teresa Cuesta.
Premio ao mellor proxecto de webserie en galego
O xurado composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, decidiron outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Hai vida en Bran?, creada e protagonizada por Ángela Andrada. Unha webserie que quere contar a vida de Mariña, unha moza licenciada en belas artes que volve á pequena vila de Bran despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic. É unha comedia con pequenas tinturas dramáticas que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto. Un proxecto que quere "cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos".