Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O CIP encherá Carballo de youtubers, webseries,...

Compartir:

O CIP encherá Carballo de youtubers, webseries, estreas, vídeo conferencias e conversas

Todas as actividades -dende o xoves 4 ata o sábado 6 de maio- serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo

Presentación CIP 2017

María Yáñez, Xose Regueira, Evencio Ferrero e Sonia Méndez, na presentación do CIP 21017

A cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay converterá de novo, a primeira semana de maio, a vila coruñesa na capital da cultura dixital global. Segundo veñen de anunciar en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez, o CIP traerá a Carballo do 4 ao 6 de maio "unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais". O Carballo Interplay, que nacía hai catro anos como o primeiro Festival de webseries de España, converteuse axiña nun referente estatal e agora avanza un paso máis, explorando os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis novidosos cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para internet. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

As mulleres terán especial protagonismo nesta edición do CIP

A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, fixo un repaso polo programa do IV Carballo Interplay, con propostas para públicos de idades e gustos diversos e onde "as mulleres creadoras terán un importante protagonismo". Participarán no CIP as novísimas youtubers Soy una pringada, unha anti-youtuber basca con máis de 80.000 suscritores, e Carolina Iglesias, unha guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 suscritores no seu canal, Percebes y grelos. Dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoblado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos. Tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube, da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das “reviews fuertecitas” coas que despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística, e de Los Prieto Flores, unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o -ben coñecido polos seus seguedores- salón da súa casa.

Abordando a profesionalización

Tras unha década de experimentación e amateurismo, a produción de contidos audiovisuais para internet está madurando, tamén no que respecta ao salto profesional. Diso falarán, o sábado pola mañá, Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Despois, o CIP transitará os camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais da man dos community manager de Land Rober (Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios) e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía e incansable comentarista televisivo.
Internet pode ser, tamén unha ponte pola que saltar a traballar na televisión. Diso falará Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa master class sobre o Humor na rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do Estado e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.

Código Fonte, estreas e Formacip

Fotograma da web serie Peter Brandon

Fotograma da web serie Peter Brandon

A compañía de teatro Chévere -flamante Premio Nacional de Teatro- celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote.
Os padriños do Carballo Interplay, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a longametraxe Fogueo, unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas. A outra estrea mundial do CIP 2017 é a da webserie Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do Festival.
Neste sentido, Sonia Méndez recordou esta mañá que o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto ata o 17 de abril. "É unha aposta do Festival", asegurou a directora do Interplay, "apoiar a produción de novos contidos para Internet". O premio é de 1.500 euros e a webserie gañadora decidirase nun pitching no propio Festival. Xosé Regueira, pola súa banda, destacou que outra dos proxectos que participaron na pasada edición e que non resultou premiada dentro do CIP si contou co apoio do Concello de Carballo, chegou a realizarse e gañou, de feito, o Premio Mestre Mateo. As persoas que queiran participar, poden facelo a través da web do certame. Tamén están aínda abertas, na web, as inscricións para os obradoiros FormaCIP para adultos e para crianzas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica