Axenda da finde
Entramos de cheo no mes de outubro e no outono e por iso tamén no FIOT: temos citas con teatro e monólogos dende o venres até o día do Pilar!
VENRES
Parte do elenco de Iván off
FIOT: Preestrea de "Iván off" de La Casa de la Portera. Pazo da Cultura. 21.00 h. Iván tivo todo na vida: boa posición social e económica, estudos universitarios, grandes amigos e unha esposa que o amaba. Pero, por algún motivo que nin el mesmo logra explicar, a tristeza, a desesperación e o mal humor apodéranse del. Todos loitan para que volva ser o que era antes.O protagonista de Ivanov, a obra de Antón Chejov, transfórmase en contemporáneo, e a espléndida interpretación dun grande elenco converte a obra nunha experiencia conmovedora e divertida. A compañía La Casa de la Portera abandona por primeira vez Madrid e presenta a obra por primeira vez en teatros convencionais no FIOT Carballo. Duración prevista do espectáculo: 120 minutos. Entrada 10€.
Rúa dos Contos. Estrea de "Concerto singular" de Píscore. A Barra Bar. 23.30 h. Que acontece cando se convoca a catro grandes solistas para un concerto cun só instrumento? Catro virtuosos músicos fronte a un gran conflito: 16 baquetas e unha marimba. Organizarse non vai ser doado. Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas, coa dirección de Fran Rei son unha nova formación que presenta no FIOT unha musicomedia, a mellor música e moito humor para un concerto singular cunha proposta que mestura virtuosismo musical e ritmo coa comedia xestual, o clown e a participación do público. Entrada gratuíta.
SÁBADO
Hey bro! Hipstershow
Rúa dos Contos: sesión dobre RC no Mercado Municipal. 21.00 h. O hipster, nace ou faise? É vostede, sen sabelo, un hipster? Que foi antes, o hipster ou a galiña? Todos estes interrogantes e moitos máis serán resoltos nunha viaxe chea de fantasía, onirismo, descaro e virtuosismo regado cun humor irónico con Fabiolo Producciones e o seu Hey bro! Hipstershow. 22.30 h. O cantahumor-monologuista Riki López volve ao FIOT co seu último traballo Me tengo contento. Moitos lembrarán aínda a súa primeira visita ao festival, cando encheu de gargalladas o Pazo da Cultura, entusiasmando aos asistentes. Hilarantes cancións cómicas impregnadas de autocrítica conforman a armazón de intelixentes monólogos. Entrada conxunta para os dous espectáculos:5 euros.
DOMINGO
Rinconete y Cortadillo
FIOT: "Rinconete y Cortadillo" de Sexpeare Teatro. Pazo da Cultura. 21.00 h. Os verdadeiros Pedro del Rincón e Diego Cortado queren axustar contas con Cervantes por ter publicado ás súas costas un episodio fugaz das súas vidas pero que os condenou por sempre a responder á imaxe de pícaros. Un éxito de xuventude do que nunca se puideron recuperar. Como o Gordo e o Fraco ou Os Pecos, Rinconete e Cortadillo deben seguir xuntos para sobrevivir. Quizais agora chegou a ocasión de limpar o seu nome. Alberto Conejero, dramaturgo que está destacando como unha das voces máis singulares e talentosas da autoría nacional, recentemente recoñecido co Max, continúa o misterioso final da novela exemplar de Cervantes con esta enxeñosa comedia sobre a picaresca, a amizade e a loita entre a realidade e a ficción cos que Cervantes dou paso á modernidade. Duración aproximada: 90 minutos. Entrada 7 euros.
MARTES E MÉRCORES
Orquestra Grupo Metrópolis
Festas da Pilarica. Barrio do Chorís. Un ano máis o barrio do Chorís celebra por todo o alto as Festas do Pilar. As citas comezan o martes 11 con festa dende pola mañá con bombas de palenque e pola noite verbena no antigo campo de fútbol coas orquestas New York e Grupo Metrópolis. O mércores 12 dende primeira hora o barrio esperta coa música da Banda de Gaitas Lembranzas de Bergantiños e a Charanga Mekánica. Ás 13.30 horas será a misa na honra da Virxe do Pilar no Campo da Festa con sesión vermú coa orquestra Caramelo. Pola noite, verbena a partir das 22.00 horas coa mesma orquestra. Ademais, haberá actividades toda a tarde dende as 17.00 horas co Campionato de Chave e xogos para nenos e nenas e maiores con toro mecánico e hinchables dende as 17.30 horas.
MARTES
Sergio Pazos
Rúa dos Contos. 8mm. Teatro presenta "Unha historia de amor ao Tarantino". Mesón A Cabaña. 21.00 h. Un carniceiro de aldea e unha noviña femme fatale consuman o seu amor no bar de Bob, pero un terceiro en discordia troca as sendas do destino.Unha comedia macabra, cunha chiscadela de Tarantino. Pistolas, sexo e moitas risas para un cóctel explosivo e saboroso. Os espectadores verémonos mergullados na acción e na ficción, nesta proposta, onde a distancia entre o actor e o espectador é tan só de 8mm. Entrada libre.
Rúa dos Contos. Sergio Pazos presenta "Rebento se non o conto". Cafetaría Valle Inclán. 22.30 h. Hai momentos nos que gozamos falando sós. De aí este show, un monólogo cómico consigo mesmo pero dialogando co público. Ou ao revés, un diálogo co público pero falando consigo mesmo.Valéndose da retranca, o coñecido actor de teatro e audiovisual e presentador, atrévese a analizar unha realidade tan próxima e afastada como a que conforma España. Destripa tópicos, mentiras piadosas e medias verdades coa ironía como bisturí. Para rebentar ao público de risa, porque é o que de verdade o merece. Entrada 4 euros.
Rúa dos Contos. Amargo Sueco presenta "De revista (un musical negro)". Pub O Patacón. 0.00 h. Amargo Sueco é un elixir medieval que todo o cura, como elas, estas discretas mulleres. De revista é un musical cómico e negro sobre o éxito, a fama, o amor e a felicidade ao ritmo de Cabaret, New York, New York ou Flashdance. Humor, música e provocación. Entrada libre.
MÉRCORES
Rúa dos Contos. Sara Escudero presenta "No despiertes a la rana". Mercado Municipal. 20.00 h. Sara Escudero é cómica. Deixou Medicina para dedicarse ao mundo do humor. Ese foi o seu primeiro gag. Desde entón, vive escribindo, subíndose a todo tipo de escenarios. Gañou o último certame de El Club de la Comedia e despois pasou por outros programas como a La Noche de Mota, Zapeando, a radio, etc. No despiertes a la rana conta a perspectiva vital de todos os que nos vemos obrigados a medrar e defender as nosas crenzas (ou tolemias) por riba de todo. Para Escudero o humor é un modo de vida, e o seu lema é que “hai que aprender a rirse dun mesmo para ter diversión garantida durante toda a vida”. Entrada 5 euros.