Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Coma sempre, o mes de outubro comeza en Carballo cargadiño co teatro do FIOT, pero tamén temos un desfile con toda a moda de outono

VENRES

Manolo Alcántara

"Rudo" da compañía Manolo Alcántara

FIOT: Teatro de rúa con Trío Refugallo. Xardín Municipal. 19.00 h. A animación musical e teatral toma a rúa co Trío Refugallo, unha nova proposta dos compoñentes de Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. A mestura será un divertimento no que o clown se mestura coa música feita a partir de materiais de refugallo. O público terá que estar moi atento ás melodías por se teñen que formar parte desta cómica orquestra. Entrada de balde.

FIOT: A compañía Manolo Alcántara presenta "Rudo". Mercado Municipal. 21.00 h. Un home Rudo crea torres e todo tipo de figuras con pesadas caixas de madeira nun arriscado e tenro espectáculo de circo, co lirismo da música en directo, que representa o desexo humano, a ilusión para conseguir imposibles e os retos persoais levados ao xogo do absurdo. A compañía de Manolo Alcántara foi a gañadora do Premio do Público do FIOT 2011 con outro precioso espectáculo de circo, Plecs, que nos atrapou nunha atmosfera máxica. O novo traballo deste artista e investigador circense, con grande acollida en España e no estranxeiro, transmitiranos tamén un circo persoal e singular, co que experimentaremos o risco. Entrada libre.

Manuel Manquiña

Manuel Manquiña

Rúa dos contos: Limiar Teatro con "Don Quixote. Unha comedia gastronómica". Bar A Barra. 22.30 h. Esta comedia gastronómica abre a Rúa dos Contos mesturando narración oral, manipulación de obxectos e cociña en directo para dar lugar a esta exitosa versión gastronómica da obra de Cervantes. Alonso, cociñeiro fascinado coa obra do celebérrimo autor, elabora o prato que lle ofreceron a Don Quixote na súa primeira saída como cabaleiro andante. Un xogo teatral e gastronómico que dá lugar a un espectáculo saboroso, nutritivo e divertido. Que ninguén quede sen probar os garavanzos! Entrada gratuíta.

Rúa dos Contos: Manuel Manquiña.  Mesón do Pulpo. 0.00 h. Manuel Manquiña ofrece humor á galega, retranca, ironía e boas doses de surrealismo para dar un repaso a temas de actualidade como a corrupción, a educación ou a importancia da ciencia na nosa sociedade, desde a mirada humorística deste popular e querido actor galego de longa traxectoria teatral e cinematográfica, moi presente tamén na televisión. Entrada, 5 euros.

SÁBADO

Tripula no Mercado Municipal

"Tripula" será no Mercado Municipal

Fiotiño: Farrés Brothers i Cía presentan "Tripula". Mercado Municipal. 12.30, 17.30 e 19.30 h. Os Farrés Brothers i Cía estrean en Galicia o espectáculo familiar “Tripula”, no que despregarán un sorprendente globo estático. Enmarcado tamén no Fiotiño e no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), realizarán tres sesións no Mercado Municipal, aínda que é posible que se traslade ao Pazo da Cultura debido a cuestións técnicas, o que se comunicará a través das redes sociais e mediante carteis no propio Mercado o antes posible.  As entradas venderanse unha hora e media antes do inicio de cada sesión, en horario de taquilla. Entrada, 2 euros (dous nenos gratis acompañados dun adulto).

Fiotiño: Obradoiros de Pequexornalistas. Biblioteca Rego da Balsa. 10.30 h. Durante todo o FIOT os máis pequenos e pequenas farán un seguimento informativo do festival e, ao tempo que aprenden a redactar novas, coñecerán de primeira man o mundo escénico. Tomaranlle o pulso ao teatro en Carballo. Entrevistarán aos actores que veñen ao festival, aprenderán a retratalos e prepararán un xornal que estará á disposición de todo o público para que gardemos un fermoso recordo documental da visión dos cativos sobre esta edición tan festiva do FIOT. Será os días 1, 15 e 22 de outubro.

Desfile CCA

Rúa dos Contos: sesión vermú con Elvis Negro e Traskiband. Rúa Coruña. 14.00 h. Dúas novas e dispares formacións musicais de Carballo poñen a primeira nota musical á Rúa dos Contos. En Traskiband os trasnos formaron unha banda polo Camiño dos Faros. Vai mudando coas etapas, incorporando novos músicos en cada porto, que comezan a camiñar e acaban convertidos en trasnos. En Carballo actuarán Cecilia Burillo (chello), Ramón Burillo (guitarra) e Raquel Viñuela (voz). En Elvis Negro, desde as entrañas de Carballo, María Costa pon o punk máis ruidoso e Marcos García, desde Boiro, bonitas melodías. As súas fontes van desde a Velvet Underground ou Jesus and Mary Chain, de María, ata Yo la tengo ou The Smiths, de Marcos. Se chove, o concerto será en Bar A Barra). Entrada de balde.

Desfile do CCA. Rúa Jacinto Amigo Lera. 21.00 h. Carballo acolle un ano máis, e xa van catorce, o desfile coa moda de outono do CCA Carballo, unha cita na que participan boa parte dos establecementos de moda da vila e que cada ano enche a carpa preparada especialmente para o evento. A entrada custa 2 euros e dá acceso ao recinto (pero non garantiza asiento) e o dereito a participar no sorteo de tarxetas regalo consumibles nos establecementos asociados. Os tickets poden mercarse nunha carpa na rúa Coruña a partir das 19.00 h. do venres 30 de setembro e a partir das 18.00 horas o mesmo día do desfile. Benvidos ao día da moda carballesa! Entrada 2 euros.

Rúa dos Contos: o Mago Álex presenta De ilusións tamén se vive. Cervexaría Ágora. 21.00 h. Os amantes da maxia e o ilusionismo sorprenderanse con Álex Louzao, mozo carballés que aproveitará a oportunidade que lle brinda o FIOT para dar a coñecer a súa primeira produción,. Desde moi novo ten realizado múltiples e pequenas actuacións en actividades culturais de diversas entidades de Carballo e está cursando estudos para formarse profesionalmente como mago. Entrada gratuíta.

Daboapipa actúa no Bulebar Music Café

Daboapipa actúa no Bulebar Music Café

Rúa dos Contos: Daboapipa. Bulebar Music Café. 22.30 h. Lendas, cantos e contos protagonizados por este grupo de mulleres que exercían o oficio de lavandeiras. Desde as máxicas e fantasmagóricas lavandeiras que xurdían da noite traendo malos presaxios ata as cancións populares que compoñían. Un espectáculo único de música ao vivo, narración, coñecemento e diversión. Última obra desta compañía que volve tras deixarnos moi bo sabor de boca o ano pasado, e que, desde entón ten unha actividade imparable por toda Galicia. Entrada gratuíta.

Rúa dos Contos: Celso Sanmartín. Cafetaría Colón. 0.00 horas. Celso Sanmartín é un dos mellores contadores galegos. Recompilador e contador de historias, Sanmartín é único na recollida de contos de sempre, e sente devoción polos mestres da oralidade, as persoas maiores. Nas súas contadas transmite a paixón que sente por esas historias. O seu repertorio está composto por esas memorias ligadas a tradición oral galega. Díxolle un día Isaac Díaz Pardo “Dinme que es contador. Serás contador do que hai”, e segundo di Celso, el non o podería dicir mellor. Iso é o que fai. E cando o escoitamos atrápanos co seu falar pousado, co misterio das súas historias, coa forza da emoción e co humor. Un luxo que non se pode perder. Entrada gratuíta.

DOMINGO

Kulunka Teatro

Kulunka Teatro

FIOT: Kulunka Teatro presenta Solitudes. Pazo da Cultura. 21.00 h. Despois de enviuvar re forma repentina, un ancián séntese tan desvalido e só que sae á rúa en procura de compañía para xogar ás cartas. Non se resignará e non renunciará aos seus pequenos desexos, pelexando por eles con dignidade. A través do humor, esta sinxela historia afonda nas relación humanas, a incomunicación e a necesidade de afecto. Kulunka estivo no Outono de Teatro co seu primeiro traballo e a súa sensibilidade e especial técnica con máscaras deixou unha fonda pegada. A súa andaina internacional levounos a máis de 25 países en 4 continentes, con preto de 500 funcións. O mesmo equipo creativo puxo en pé esta obra que, sen unha soa palabra, resulta todo o contrario a inexpresivo. Duración aproximada 80 minutos. Entrada 7 euros.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica