Axenda da finde
Carballo celebra as festas do Carme en varias parroquias, pero tamén temos unha feira de produtos ecolóxicos ou un concerto infantil no Verán Cultural
VENRES
A Gramola Gominola
Concerto infantil de A Gramola Gominola. Praza do Concello. 21.00 h. O grupo A Gramola Gominola presenta no Verán Cultural o seu primeiro espectáculo co seu mesmo nome A gramola gominola, cheo de música e humor. Trátase dunha viaxe didáctica pola historia da música moderna na que o público poderá coñecer diferentes estilos que van desde o blues ao reggae, pasando polo pop, country, rock ou ska. A posta en escena, no palco da Praza do Concello, estará chea de colorido e momentos cómicos que farán as delicias dos máis pequenos, e atraparán por igual a cativos e maiores. Unha maneira estupenda de pasar a noite do venres en familia! Entrada libre.
SÁBADO E DOMINGO
A feira ecolóxica ofrece os mellores produtos de horta
Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia. Praza do Concello. Todo o día a partir das 11.00 h. Os mellores produtos da horta, mel, a mellor carne, fariña de castaña, marmelada ou mesmo cervexa, nunha cita que comeza ás 11.00 h. pero que pode durar até que o corpo aguante. Todo iso e obradoiros para nenos e nenas, catas ou degustacións poden atoparse o sábado 16 e o domingo 17 de xullo na Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia que visita Carballo da man do Concello e de Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). O obxectivo desta feira é o de dar a coñecer o selo dos produtos ecolóxicos galegos a través das catas, aínda que os veciños e veciñas que o desexen tamén poden levar para a casa algunha das exquisiteces que poderán atopar nos postos. A cita tamén contará con actividades para nenos e nenas. +info, clicando aquí. Entrada libre con degustacións de balde.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Festas de Nosa Señora do Carme e do Santísimo Sacramento en Oza. A parroquia de Oza vístese de festa na honra da Virxe do Carme. As citas comezan o venres 15 con verbena co grupo Bomba e a disco móbil CDC. Xa o sábado, ás 12.30 h. será a misa solemne con sesión vermú a cargo do grupo Fénix que tamén tocará pola noite na verbena. Ao remate, disco móbil con Factory. O domingo, de novo misa solemne ás 12.30 h. e sesión vermú posterior a cargo dunha orquestra sorpresa. Para comer, haberá unha gran pulpada. A partir das 18.30 h. pecharase a festa coa sesión de tarde. Tamén se festexa o Carme en Carballo nas parroquias de Entrecruces, Lema e A Piña (Sofán).
DOMINGO
Festas do Carme en Sísamo. A parroquia festexa o Carme coa celebración dunha misa solemne pola mañá cantada polo Coro O Candil seguida de sesión vermú coa orquestra Caramelo, coa que os veciños e veciñas tamén poderán bailar á noitiña na verbena. Ademais, celébrase o 6º Campionato de Fútbol Sala.
EN CURSO
A mostra pode visitarse até o 31 de xullo
Exposición Mare Mágnum. Pazo da Cultura. De 17.30 a 20.30 h. Un ano máis, os creadores e creadoras da Asociación Crea Formas Artísticas ofrecen o mellor do seu traballo no Pazo da Cultura. As obras serven para reflectir 23 olladas moi diferentes sobre o mar, "Mare Mágnum cheo de vida", "mar bravo e mar en calma", "mar de liberdade", "mar de vida" e "mar de norte, loito e morriña das que nel se perden". Na mostra poderedes observar creacións de disciplinas e modalidades artísticas moi diversas, con ampla maioría de pintura, pero tamén con escultura, instalacións ou mesmo fotografía. Desta volta, os autores e autoras da Asociación Crea Formas e artistas convidados que participan na mostra son: Adriana Díaz, Antonio Taracido, Carmen Rojo Varela, Cristina Castro, Chiña, Emi de las Heras, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Javier Rodríguez, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, Paco Souto, Peter Kramer, Peter Schneider, Risé, Santi Picos e Teresa Candal. Entrada libre.