Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Comezan as actividades do Verán Cultural con moita música e o II Festifolk Costa da Morte... pero tamén temos humor, motos ou roteiros!

VENRES

Peter Punk

Peter Punk

Presentación de Otra oportunidad. Biblioteca Rego da Balsa. 20.00 h. A autora carballesa Geli Romero presenta a súa ópera prima Otra oportunidad. Neste libro os e as lectoras poderán mergullarse nunha viaxe polo camiño de Santiago que traerá consigo cambios importantes para a vida da protagonista da obra. Anímate a coñecer esta historia e á súa autora, que nos falará de como foi o desenvolvemento da mesma e de que momentos conseguiron inspirala. Entrada libre.

Actuación de Peter Punk. Xardín Municipal. 20.00 h. O Verán Cultural arrinca cunha cita para os máis cativos e cativas con Peter Punk. Participando activamente co público, pedaleando coma un tolo, comendo globos e xogando coma un neno que se nega a crecer, Peter Punk presenta un espectáculo sorprendente no que coñeceremos o seu último xoguete, a Chungatrona. Lembrade, entrada libre.

Concerto coa Agrupación Musical Saint Luc de Banakintú. Praza do Concello. 22.30 h. A Agrupación Musical Saint Luc de Banakintú ofrece un concerto no que estará presente a cultura tradicional africana de Costa de Marfil, a través da música, das cancións e das danzas tradicionais. Os máis de 30 integrantes contan cunha importante traxectoria musical, e veñen de actuar en Mali, Senegal, Burkina Faso, entre outros países africanos. A cita supón a primeira das actuacións musicais do Verán Cultural 2016. Colabora a Asociación de Cooperación para el Desarrollo en África (www.egueire.org). Entrada libre.

SÁBADO

Xabier Díaz

Xabier Díaz

II Festifolk Costa da Morte - Concello de Carballo. Praza do Concello. A partir das 21.00 h. O Concello de Carballo, a Fundación Luís Calvo Sanz e La Voz de Galicia colaboran para celebrar a segunda edición do Festifolk Costa da Morte. A partir das 21.00 h. as rúas de Carballo e a Praza do Concello acollen un desfile con grupos de gaiteiros de toda a Costa da Morte ao ritmo de foliadas, muiñeiras, xotas, etc. Logo, a partir das 22.00 h., o palco da Praza do Concello acolle o concerto de Pepe Vaamonde e de Xabier Días coas Adufeiras de Salitre. Os sons da gaita e da música tradicional galega tamén son os protagonistas do espectáculo nocturno. Pepe Vaamonde presenta o seu novo proxecto musical Na Pedras do Lar, un espectáculo baseado na contundencia e forza da música folk galega, que se mestura cunha chea de novos sabores sonoros. E para rematar o Festifolk gozaremos de Xabier Díaz, que no seu novo traballo The Tambourine Man, rodéase das Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantoras de música popular. Xuntos montarán unha gran foliada demostrando que a tradición non esmoreceu e que queda sitio para o baile e o aturuxo. Entrada libre.

Roteiro nocturno por Pico de Meda. Saída da sede de Senda Nova. 21.00 h. A Asociación Ambiental Senda Nova organiza, coa colaboración do Concello, un roteiro nocturno interpretativo, no que se irá desmitificando a figura do lobo nos montes de Pico de Meda. Os participantes poderán escoitar e ver a través das pequenas sombras da lúa, de divisar os faros da Costa da Morte dende un dos balcóns máis fermosos ou de observar os vagalumes nas beiras dos camiños, de imaxinar os lobos tras os toxos de Pico de Meda, a carón dos cabalos salvaxes. Información sobre prezos e condicións en <sendanova@hotmail.com> ou no teléfono 696 155 232.

DOMINGO

Concentración de motos clásicas 2015

Concentración de motos clásicas 2015

Décima concentración de motos clásicas. Saída da rúa Coruña. 10.00 h. Un ano máis os afeccionados ás motos clásicas –de máis de 25 anos- realizan unha concentración que os leva por diferentes puntos da costa de Carballo e A Laracha para rematar nun xantar á beira do mar no Camping de Baldaio. Os moteiros e moteiras sairán ás 10.00 h. da rúa Coruña, para logo partir cara a Paiosaco a tomar uns pinchos ás 12.00, visitar o mirador de Monticaño ás 13.00 h., pasar por Barrañán e Caión e rematar co xantas ás 15.00 h. Non deixedes de mirar as motos se vos achegades á vila ou a algúns dos puntos do percorrido. Son un espectáculo!

EN CURSO

A mostra pode visitarse até o 2 de xullo

A mostra pode visitarse até o 2 de xullo

Exposición Mare Mágnum. 3º andar do Pazo da Cultura. De 17.30 a 20.30 h. Un ano máis, os creadores e creadoras da Asociación Crea Formas Artísticas ofrecen o mellor do seu traballo no Pazo da Cultura. As obras serven para reflectir 23 olladas moi diferentes sobre o mar, "Mare Magnum cheo de vida", "mar bravo e mar en calma", "mar de liberdade", "mar de vida" e "mar de norte, loito e morriña das que nel se perden". Na mostra poderedes observar creacións de disciplinas e modalidades artísticas moi diversas, con ampla maioría de pintura, pero tamén con escultura, instalacións ou mesmo fotografía. Desta volta, os autores e autoras da Asociación Crea Formas e artistas convidados que participan na mostra son: Adriana Díaz, Antonio Taracido, Carmen Rojo Varela, Cristina Castro, Chiña, Emi de las Heras, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Javier Rodríguez, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, Paco Souto, Peter Kramer, Peter Schneider, Risé, Santi Picos e Teresa Candal. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica