Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

A primeira finde de xullo ofrece as primeiras grandes verbenas do verán, pero tamén moito deporte, festivais e romarías... Festa rachada!

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Adestramentos no circuíto

Adestramentos no circuíto

Campionato de España de Autocross. Circuíto de Motor de Bértoa. Espectáculo na pista o sábado a partir das 15.30 h. e o domingo a partir das 9.00 h. O Circuíto Municipal de Motor de Bértoa acolle por oitava vez consecutiva o Campionato de España de Autocross. Un ano máis os mellores pilotos nacionais da especialidade xunto cun importante número de pilotos habituais do Campionato Galego buscan nesta proba lograr subir ao máis alto da clasificación. O venres e o sábado pola mañá están reservados para as verificacións técnicas así como para a entrega de documentación, mentres que os primeiros adestramentos comezan o sábado ás 15.30 horas e as finais será o domingo a partir das 11.00 horas, aínda que con mangas dende as 9.00 h. Non faltedes ao mellor espectáculo de motor! Acceso: consultar organización, Escudería La Coruña.

Torneo de Hóckey a Patíns 3x3 Carballo

Torneo de Hóckey a Patíns 3x3 Carballo. Pavillón Carballo Calero. Todo o día. Un total de 250 xogadores e xogadoras de 55 equipos compiten durante tres días no torneo de hóckey a patíns 3x3 Carballo. Sete categorías daranse cita na primeira edición desta competición con Sub 12, Sub 14, Sub 17, Absoluto, Feminino, Veteranos e Pro. Durante o torneo, ademais de moito hóckey, tamén haberá animación, agasallos ou actuacións musicais para transformar a primeira fin de semana de xullo nunha auténtica festa do hóckey. Tendes toda a info en <https://3x3carballo.com/>.

SÁBADO E DOMINGO

Grupo Metrópolis

Grupo Metrópolis

Festas do Sacramento en Ardaña. Campo da festa. Sábado a partir das 13.00 h. e domingo a partir das 13.30 h. As festas de Ardaña inauguran a tempada de grandes verbenas do verán. E o fan o sábado coa misa, e a posterior sesión vermú co Grupo Fénix que será tamén o encargado de animar a verbena pola noite xunto coa orquestra Nueva Fuerza. Xa o domingo a misa será ás 13.30 h. co grupo de baile rexional Lembranzas de Bergantiños e a sesión vermú animada polo Grupo Metrópolis. E ao remate, tanto o sábado como o domingo, a Disco Móbil Impacto. Tempo de verán, tempo de verbenas!

SÁBADO

Romaría do Gaiteiro de 2015; Foto: Ana García

Romaría do Gaiteiro de 2015 (Foto: Ana García; La Voz)

XXII Romaría do Gaiteiro no San Cristovo. Praza do San Cristovo. De 10.00 a 0.00 h.  O barrio do San Cristovo organiza coa colaboración do Concello a XXII Romaría do Gaiteiro, que contará con numerosas actividades durante o día que van de fútbol sala, ao xogo da chave, pasando por actuacións musicais dos grupos da AC Nemeth, dos Gaiteiros do San Cristovo ou do Dúo Libertad, ademais dun sorteo de agasallos. Non falta tampouco a homenaxe a José Vázquez Viñán, distinguido na romaría deste ano, nacido en Sorrizo, parroquia de Arteixo, en 1945. Coñecido como Pepe o Carpinteiro, foi presidente da Asociación Cultural Argazo de Noicela, onde comezou a súa afección polo folclore galego. Na actualidade colabora coa Asociación Queiroga de Paiosaco e coa Banda de Gaitas de Bértoa. Respecto do horario das citas polo miúdo, é o seguinte:

  • 10.00 h. Torneo de Fútbol sala
  • 12.00 h. Pasarrúas polo barrio
  • 17.00 h. Xogo da chave
  • 19.00 h. Actuación dos grupos da Asociación Cultural Nemeth
  • 20.30 h. Homenaxe a José Vázquez Viñán
  • 21.00 h. Actuación dos Gaiteiros do San Cristovo
  • 22.00 h. Gran Sardiñada coa actuación do Dúo Libertad
  • 0.00 h. Sorteo de agasallos e festa ata que o corpo aguante!

XXXV Albaroque de Berdillo. Local Social de Berdillo. Todo o día. O Local Social de Berdillo e as pistas deportivas acollen una xornada de confraternidade aberta a todos os públicos na que se expoñerán os traballos realizados polas entidades organizadoras e na que se poderá degustar unha comida popular e unha exhibición de baile, música e teatro. Organizan as asociacións Cultural e Xuvenil Arume e o Concello. Entrada libre.

Clausura da Escola Ambiental de Senda Nova 2015

Clausura da Escola Ambiental de 2015

Clausura da IV edición da Escola Ambiental de Senda Nova. Sede de Senda Nova. 18.00 h. O local social da Asociación Ambiental Senda Nova na rúa Colombia acolle o Serán Divertido, un encontro aberto a todos os públicos, no que haberá xogos tradicionais, unha merenda conxunta, sorteos, premios e sorpresas para os/as máis pequenos/as para despedir a IV Edición da Escola Ambiental Senda Nova. + INFO: <www.sendanova.org>. Entrada libre.

XXIV Romaría galega en Imende. Lugar de Imende (Noicela). 19.00 h. O Local Social de Imende (Noicela) acolle unha nova edición da Romaría Galega, unha festa na que se poderá gozar de actuacións de música e baile tradicional de balde así como unha cea para as persoas asistentes. A cita está organizada pola ADCR Baldaio coa colaboración do Concello. Entrada libre.

DOMINGO

Festa do Bosque

Festa do Bosque 2015

Festa do Bosque. Bosque do Añón. Todo o día. Dende a súa recuperación para o programa do San Xoán, a Festa do Bosque é unha das citas máis emblemáticas das festas. Un ano máis porá o punto e final a un mes de celebracións cunha romaría na que as familias e as pandillas de amigos se unen para comer, cantar, escoitar música e convivir no Bosque do Añón, gozando dun programa con citas para todas as idades.

  • 13.00 h. Sesión vermú con EVA e CAMILO
  • 16.30 h. Concurso de sobremesas e licores caseiros (Patrocina: Confitaría San Luís)
  • 17.30 h. Xogos Populares
  • 18.30 h. 112ª Edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel. Inscricións a partir das 17.30 h. (Patrocina: Tien21-Electrodomésticos Lorama)
  • 19.00 h. Animación musical a cargo de DJ DAVID
  • 21.00 h. Concerto de A BANDA da BALBINA

EN CURSO

A mostra pode visitarse até o 2 de xullo

A mostra pode visitarse até o 2 de xullo

Exposición Mare Mágnum. 3º andar do Pazo da Cultura. De 17.30 a 20.30 h. Un ano máis, os creadores e creadoras da Asociación Crea Formas Artísticas ofrecen o mellor do seu traballo no Pazo da Cultura. As obras serven para reflectir 23 olladas moi diferentes sobre o mar, "Mare Magnum cheo de vida", "mar bravo e mar en calma", "mar de liberdade", "mar de vida" e "mar de norte, loito e morriña das que nel se perden". Na mostra poderedes observar creacións de disciplinas e modalidades artísticas moi diversas, con ampla maioría de pintura, pero tamén con escultura, instalacións ou mesmo fotografía. Desta volta, os autores e autoras da Asociación Crea Formas e artistas convidados que participan na mostra son: Adriana Díaz, Antonio Taracido, Carmen Rojo Varela, Cristina Castro, Chiña, Emi de las Heras, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Javier Rodríguez, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, Paco Souto, Peter Kramer, Peter Schneider, Risé, Santi Picos e Teresa Candal. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica