Axenda da finde
Entramos na segunda fin de semana oficial do San Xoán, e o facemos con fútbol, a 10K Carballo, concursos de baile tradicional, con taekwondo... e cunha das citas máis esperadas das festas: o Rockin
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
XII Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo. Campo de As Eiroas. Venres a partir das 18.00 h.; sábado e domingo a partir das 10.00 h. F.C. Barcelona, Real Madrid, R.C. Deportivo, R.C. Celta, O Porto, Real Valladolid, Real Oviedo, C.D. Lugo, as E.F. Luís Calvo Sanz e o club clasificado na Fase Final do VII Torneo Alevin Fútbol 11 Conservas Calvo son os equipos que participan no XII Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo que ten lugar entre o venres 17 e o domingo 19 de xuño nas instalacións do Campo Municipal de As Eiroas. Por primeira vez o Madrid e o Barça se enfrontan neste torneo, despois de moitos esforzos por parte da organización por conseguir reunir ás bases dos dous equipos con máis títulos da Liga Española.
O formato desta edición é por primeira vez de 10 equipos, sendo o sistema de competición igual ao de anos anteriores: liguiña a unha volta, todos contra todos e fase final título e Fase Final Consolación. É o único torneo de España no que se practica a modalidade na que todos os equipos xogan contra todos, de tal forma que todos os rapaces teñen a oportunidade de medirse entre eles. Entrada: consultar no campo.
VENRES
A maxia da solidariedade de Cruz Vermella coa actuación do Mago Alex. Biblioteca Rego da Balsa. 18.30 h. O Mago Alex actúa nun acto solidario chamado “A maxia da solidariedade”, organizado por Cruz Vermella para o goce d@s máis pequen@s da casa, no que se poderá aportar un gran de area presentando os cupóns do “Sorteo de Oro” na porta do noso auditorio, para axudar aos demais e desfrutar cunha actuación sorprendente! Se aínda non puidéstedes mercar un, poderedes adquirilo no posto que terán @s amig@s da Cruz Vermella na Rego da Balsa. Entrada libre.
Festival de fin de Curso da AC Nemeth. Pazo da Cultura. 21.00 h. A AC Nemeth de Carballo, organiza un festival de fin de curso coa colaboración do Concello de Carballo. Nel, os alumnos e alumnas das escolas de baile, pandeireta e gaita amosarán todo o aprendido durante o curso nesta gran festa onde os protagonistas son a tradición e o ambiente familiar. Entrada libre.
Festival Rockin’ Carballo. Rego da Balsa a partir das 21.00 h. O Rockin’ Carballo chega disposto a conquistar a todas as xeracións cun macro concerto que non ten idade pero si un requisito: que che guste o rock. O festival das festas de San Xoán presenta un cartel de primeira con grupos como o mítico Sex Museum, e con nomes como Tachenko, Nave Nodriza, Los Bengala, os carballeses Aula11 e a animación do DJ Antón. Será no Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses. Entrada libre.
O horario das actuacións é o seguinte:
- 21.00h. Antón DJ
- 21.30h. Aula11
- 22.15h. Tachenko
- 23.30h. Sex Museum
- 01. 00h. Los Bengala
- 02.15h. Nave Nodriza
SÁBADO
Peche do programa de exercicio físico para maiores. Pavillón Carballo Calero. 16.30 h. O Pavillón Carballo Calero da capital municipal acolle a partir das 16.30 horas o acto de peche do Programa de Exercicio Físico para maiores no que, ao longo de todo ano, participan veciños e veciñas maiores de 60 anos para redundar na súa mellor saúde física. A cita, organizada por Carballo Deporte co Concello de Carballo, incluirá a realización dun exercicio colectivo por parte dos participantes no programa. Entrada libre.
I Concurso de Baile Tradicional AC Nemeth. Praza do Concello. 17.00 h. Dous grupos da AC Xacarandaina de A Coruña, e un grupo da AC Santa María de Torás da Laracha, da AC Xaíñas de Xove de Lugo, da AC Retranqueiros de Ames, da AF Ximiela de Louro (Muros), da AC San Pedro de Carcacia (Padrón), da AC Adro de Baio (Zas) e da AC Xeitura de Esteiro (Muros) participan no I Concurso de Baile Tradicional que organiza a Asociación Cultural Nemeth coa colaboración do Concello de Carballo. Todos eles ofrecerán o mellor do seu traballo o sábado 18 de xuño a partir das 17.00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva no Pazo da Cultura) ante todos os veciños e veciñas que queiran gozar do espectáculo. Repartiranse 1.000 euros en premios. Entrada libre.
DOMINGO
Carreira 10K Carballo. Rúas da Vila. A partir das 10.00 h. As rúas de Carballo acollen a sexta edición da carreira 10K Carballo, proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada. A proba contará con récord de participación, xa que preto de 2.000 corredores e corredoras tomarán a saída tanto na competición 10K como nas categorías inferiores, dende biberón até xuvenil. O récord do circuito estableceuno en 2015 Abdelaziz Fatihi, do Club Atletismo Sada en 32 minutos e 48 segundos. A vencedora feminina de 2015 foi a deportista carballesa Vanessa Lafuente, cun tempo de 40 minutos e 6 segundos. Máis info en <www.championchipnorte.com>. Entrada libre.
Ruta a pé entre Caión e Razo. Saída dende Carballo ás 9.00 h. La Voz de Galicia organiza coa colaboración do Concello de Carballo unha ruta a pé entre Caión e Razo percorrendo as mellores paisaxes da costa baixo a guía de Xan Fernández Carrera. Os participantes poden apuntarse, tanto na delegación de La Voz de Carballo como no Museo de Bergantiños. Horario de martes a venres de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h. Sábado de 12.00 a 14.00 h. No teléfono 981 702 077 ou no email museo@carballo.gal. De balde.
Sesión Vermú. Cervexaría A Bombonera. A partir das 13.15 h. A Bombonera ofrece a actuación de Carlos Bay, cunha selección de grandes éxitos do pop rock español dos anos 80 e 90. E por se fora pouco, haberá paleta asada con patacas asadas por 5€. Non faltedes!
Festival de Fin de curso de Danza de Escola da Rúa. Pazo da Cultura. 18.00 h. O Pazo da Cultura acolle a celebración do festival de fin de curso de Escola da Rúa, neste caso coa actuación de todos os alumnos e alumnas da modalidade de danza. A cita está organizada por Escola da Rúa coa colaboración do Concello de Carballo e precisa convite previo, que pode conseguirse na propia Escola. Entrada libre con convite.
Exhibición de Taekwondo ITF. Praza do Concello 18.00 h. A Praza do Concello acolle a partir das 18.00 h. una exhibición de Taekwondo ITF que contará coa presenza de Adriana Lista, Rubén Remuiñán, Adrián Torres, Jorge Gago, Pastor Carracedo e do alumnado da ACD Narani, organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo. O espectáculo está asegurado. Entrada libre.
Exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos de Carballo. Praza do Concello. 19.00 h. A Asociación Xuvenil e Cultural Arume de Berdillo organiza unha exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos na Praza do Concello. A cita conta coa colaboración do Concello de Carballo e do Club de Baile Azúcar & Swing. Entrada libre.
EN CURSO
Exposición Mare Mágnum
Exposición Mare Mágnum. Pazo da Cultura. De 17.00 a 20.30 h. Un ano máis, os creadores e creadoras da Asociación Crea Formas Artísticas ofrecen o mellor do seu traballo no Pazo da Cultura. As obras serven para reflectir 23 olladas moi diferentes sobre o mar, "Mare Mágnum cheo de vida", "mar bravo e mar en calma", "mar de liberdade", "mar de vida" e "mar de norte, loito e morriña das que nel se perden". Na mostra poderedes observar creacións de disciplinas e modalidades artísticas moi diversas, con ampla maioría de pintura, pero tamén con escultura, instalacións ou mesmo fotografía. Desta volta, os autores e autoras convidados son: Adriana Díaz, Antonio Taracido, Carmen Rojo Varela, Cristina Castro, Chiña, Emi de las Heras, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Javier Rodríguez, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Nolo Suárez, Paco Souto, Peter Kramer, Peter Schneider, Risé, Santi Picos e Teresa Candal. Entrada libre.