Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // Por parroquias // Cances

Compartir:

Cances

Hórreo de Cances

Hórreo de Cances

Lindando con Ponteceso, Malpica e Verdes, en Coristanco, atoparás Cances. Se visitas esta parroquia aconsellámosche reparar nos seus numerosos cruceiros, nos hórreos do século XIX, e nas casas tradicionais e antigos caseríos do lugar de Cances Grande, nos seus tempos o máis habitado do concello. Iso si, garda folgos para ascender ao Monte Neme, que che regalará amplas vistas dos concellos de Malpica e Carballo.

En Cances da Vila está a igrexa parroquial, de estilo barroco e con orixe no século XVII. Fíxate no seu retablo maior, co carácter recargado propio do rococó.

Neste lugar celebrábase, tempos atrás, unha feira de gando vacún e porcino, os terceiros sábados do mes. A feira máis importante, a dos Bois Gordos, tiña lugar en marzo e abril. Parece ser, segundo nos deixou dito o historiador Carré Aldao, que preto da igrexa foron atopados os restos dunha necrópole tardorromana.

Camiño de Cances Grande, e á beira dunha pequena carballeira, encontrarás a capela de San Pedro, que garda a imaxe de San Campio, a quen se encomendaban antano os mozos cando marchaban para o servizo militar.

Has de animarte, en Cances Grande, a percorrer as súas ruelas. Tal vez deas con algunha das seis cruces espalladas pola parroquia como elementos cristianizadores.

O lugar conserva, así mesmo, varias vivendas típicas con muros de pedra de chacotaría, e dúas casas de porte maior: a Casa Grande de Cances, antiga vivenda con capela propia, e a Casa de Entremuros, típica vivenda da fidalguía rural do século XIX, hoxe en día rehabilitada para o turismo rural.

Casa Rural en Cances

Casa Rural en Cances


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica