O noso pequeno comercio
Pequenas tendas e comercios como alternativa aos ateigados centros comerciais
As rúas de Carballo están cheas de pequenas tendas e comercios que son unha excelente alternativa aos ateigados centros comerciais das cidades.
Carballo é o corazón comercial da comarca de Bergantiños. Á vila acoden centos de persoas da contorna e alén para abastecerse. Carballo conta cunha abondosa oferta de pequeno comercio, onde atoparás unha atención personalizada e, sobre todo, produtos diferenciados.
Un paseo pola vila é a escusa ideal para un deses días de shopping no que darse un capricho e actualizar o armario.
Poderás facelo nunha gran variedade de tendas de roupa de todos os estilos (informal ou de cerimonia, roupa infantil, xuvenil ou adaptada aos gustos da xente maior, deportiva, surfeira, boutiques, marcas…), así como nun amplo abano de tendas de todo tipo: complementos, calzado, decoración, mobles, bazares, xoiarías...
E, para descansar do trasfego das compras, nada mellor que practicar un pouco de "terraceo" nas abondosas cafetarías e cervexarías do centro urbano.