Son Carballo: a nosa música, na nosa lingua con dez dos nosos grupos
Sonseis+, Lowcos, Portakomporta, Versión Imposible, Surf&Sun, Killer Cats, The Cerne, Dude, Crú e Nanny Mouro no CD O soño da avelaíña
A nosa música, cos nosos grupos e na nosa lingua. Así xorde o proxecto Son Carballo no que dez agrupacións musicais do municipio gravaron un tema, propio ou versionando a outras formacións, en lingua galega, ademais dunha canción conxunta E pousa, e un video clip no que todos achegaron o seu grao de area. Segundo explica Nanny Mouro, encargado de realizar os arranxos, o Concello, responsable da iniciativa, deixou moita liberdade creativa, de tal forma que cada quen puido reflectir nas cancións o seu estilo propio e a personalidade do seu grupo. De feito, hai temas que van dende o metal ata o rock, o pop ou os sons máis tradicionais.
O vídeo, E pousa, foi realizado con cada grupo gravando unha parte da canción que logo se uniu para realizar unha versión distinta e moi orixinal do clásico tradicional galego Pousa, pousa.
Son Carballo é o nome do proxecto e O soño da avelaíña o título deste primeiro disco. O motivo, aclara Nanny, porque "son uns insectos que só saen de noite e voan cara a luz", o que lles pareceu unha boa analoxía cos músicos. A porta está aberta para a incorporación de máis grupos e a gravación dun segundo disco no futuro. Este CD contén as seguintes cancións:
- Sonseis+ Mulher rendeira
- Lowcos A Mina
- Portakomporta Queda Sally
- Versión Imposible Da terra ao mar
- Surf&Sun Non botes o lixo no mar
- Killer Cats Os Traskis
- The Cerne Vintepordous
- Dude Problemas
- Crú Revolución
- Nanny Mouro Lela
E, por último, unha canción coa colaboración de todos e todas: Amálgama, E pousa.
Mil copias e descarga gratuíta
O CD contén versión de cancións moi coñecidas como Mustang Sally ou temas orixinais como Non botes o lixo no mar
O Concello editou 1.000 copias do CD, das que cada grupo levou 25 para repartir. O resto está previsto distribuílos entre centros de ensino e entidades culturais e tamén está previsto outras formas de distribución que se irán desvelando no futuro.
E para que todas as persoas que o desexen podan gozar co Son Carballo, está previsto poñer O soño da avelaíña a disposición de todos os veciños e veciñas mediante descarga directa e gratuíta nos próximos días. Estade atentos e atentas!
*Son Carballo é un proxecto do Concello de Carballo coa realización dun videoclip a cargo de Mama lola studios, a gravación do disco na Escola da Rúa, e o deseño gráfico do disco foi a cargo de Estratexia comunicación. O arranxo da canción do videoclip é de Nanny Mouro.