Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Volve o Rexenera Fest: o festival de arte urbana...

Compartir:

Volve o Rexenera Fest: o festival de arte urbana que cambiará a cara de Carballo

Entre o luns 30 de maio e o domingo 5 de xuño nas rúas Ecuador, Vila de Negreira e Barcelona, no Fórum Carballo e no Pazo da Cultura

Rexenera Fest

Presentación do Rexenera Fest no Fórum

O alemán Case Maclaim no Fórum Carballo, a polaca Natalia Rak na rúa Vila de Negreira, a arxentina Hyuro no Pazo da Cultura, o galego Nö3l na rúa Barcelona e o zaragozano Isaac Mahow na rúa Ecuador. Estes son os cinco nomes e as cinco localizacións de Carballo que cambiarán por completo durante a primeira semana de xuño (entre o luns 30 de maio e o domingo 5 de xuño) da man do festival Rexenera Fest.

Este ano o festival medra, no só porque a cita se consolida como un referente da arte urbana, senón tamén porque reúne a varios artistas do mellor da escena galega, española e internacional do mundo da arte urbana, facendo da vila un grande museo ao aire libre que vai ofrecendo novas pezas de arte ano tras ano.

Artistas de Alemaña, Arxentina ou Zaragoza

Case Maclaim

Case Maclaim

O alemán Case Maclaim e membro co-funfador da mundialmente coñecida M'Claim Crew, é un histórico pioneiro do fotorrealismo no graffiti e sitúase como un dos maiores representantes deste estilo na arte mural contemporánea.

A polaca Natalia Rak é coñecida polos seus xigantes retratos en grandes laterais de edificios, realizando un traballo moi colorista con conceptos oníricos e case surrealistas. En 2013 gañou o "Artbattle" en Nova York, no que o seu mural The Legend of Giants foi votado como unha das cinco mellores pezas de arte urbana creadas en 2013, xunto a obras de Bansky e J.R.

A arxentina Hyuro, afincada en Valencia, é coñecida pola pintura cargada de mensaxe e simboloxía, cunha "carga social moi pontente". Xera un vínculo entre a obra e o público, contribuíndo á busca do enfrontamento do espectador coa obra.

Nove Nö3l

Nove Nö3l

O galego Nö3l, natural de Rianxo que reside en Guadalaxara (México), é un dos maiores expoñentes da rica escena da arte urbana galega, e deixará pegada en Carballo co seu estilo, mensaxe e densa poeísa visual. Conta con moitas influencias que van dende a banda deseñada até o grafitti.

Por último, Isaac Mahow, de Zaragoza, ten un estilo persoal baseado en formas cortantes e limpas mesturadas con outras sinuosas e degradadas. Presenta un estilo próximo á tatuaxe e con moita poesía. Encargarse dun dos murais de maior tamaño desta edición de 2016.

Multitude de citas paralelas

Unha das novidades da segunda edición do Rexenera Fest é que vén cargada de actividades paralelas, didácticas e culturais. O festival organiza dúas masterclass impartidas por grandes artistas recoñecidos da escena galega como Sekone, (o martes 31 de maio e o mércores 1 de xuño), que impartirá un maxistral obradoiro teórico e prático que xirará arredor da aproximación da complexa técnica do realismo ou hiperrealismo mediante o uso do spray.

Natalia Rak

Natalia Rak

Así mesmo, Cestola na Cachola (o xoves 2 e o venres 3 de xuño), cooperativa galega cunha ampla experiencia como muralistas, encargaranse dunha masterclass de iniciación á arte mural na que achegarán técnicas de composición e de tradución do papel ao muro, o tratamento das cores pigmento e a súa aplicación para a creación das luces. Os dous obradoiros están dirixidos a persoas con certos coñecementos mínimos ou relacionados e relacionadas co mundo das artes plásticas, son gratuítos e contan con límite de prazas. As inscricións poden realizarse a través do web do festival <www.rexenerafest.gal>.

O sábado 4, xa cando o festival está a piques de rematar, o Fórum Carballo acollerán unha mesa redonda sobre arte urbana a partir das 17.00 horas. Haberá representantes de destacados festivais galegos, españois e internacionais: o Festival Asalto (de Zaragoza, un dos pioneiros e con máis tradición de España), Desordes Creativas (Ordes), o Wool, Mistaker Maker e Lata 65, representados por Lara Seixo de Portugal, e tamén do colectivo Derrubando Muros con pintura, xermolo do Rexenera Fest.

A continuación, a organización convidou a varios artistas a facer microconferencias expoñendo o seu traballo, para diseccionalo e achegalo ao público asistente. Participarán A.L. Crego, coñecido internacionalmente por dar vida en forma de imaxes GIF ás obras de moitos famosos muralistas e das súas creacións en formato bucle. De feito, ten animado todas as obras do anterior Rexenera Fest e moitas de Derrubando muros con pintura. Tamén estarán presentes creadores desta edición do festival, como Nö3l, Isaac Mahow ou Hyuro.

Música e percorrido final

O sábado pola noite resérvase un espazo para a festa na Sala Dublín a partir das 22.30 horas con entrada libre. Os asistentes poderán gozar coa Familia Caamagno. Os de Sigüeiro veñen a presentar o seu último mini LP Para unha vez que saimos, cheo de rock'n'roll garaxe, sons dos 60 ou o menos explorado power pop. E por outra banda, Fluzo poñerá o toque experimental á noite co seu hip hop electrónico co que poderemos bailar entre chiptunes hipnóticos, rimas e programacións que desafían as leis matemáticas.

O colofón chega o domingo 5 de xuño cun roteiro guiado polas obras creadas durante o festival. O punto de partida será o Fórum Carballo a partir das 17.00 horas para realizar logo un percorrido polo museo público ao aire libre e as novas obras recén incorporadas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica