Máis de 700 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos estarán no IV Día do Pequebasket
Agardamos a todos os amantes do baloncesto o 17 de maio no Pavillón Bergantiños para que gocen con xogos, sorpresas e moito deporte
Fernando Romay cos nenos e nenas no Día do Pequebasket 2015
Un total de 60 equipos e máis de 700 nenos e nenas, cun novo record de afluencia, participarán o martes 17 de maio no IV Día do Pequebasket. Ante o elevadísimo número de solicitudes, a organización viuse obrigada a pechar o prazo antes de tempo e mesmo ampliou o límite de participación (que estaba marcado en 49 equipos) para poder acoller ao maior número posible de nenos e nenas e de familias. Todos e todas invadirán Carballo o Día das Letras.
Ademais a organización avanza que nesta cuarta edición, que supón todo un esforzo e un reto a nivel organizativo, haberá novidades respecto ás actividades lúdicas, nas que a Escola Basket Xiria, o Concello, a Deputación e a Federación Galega de Baloncesto estamos a traballar para aumentar a diversión dos participantes e de todo o público en xeral que desexa pasar un dia distinto con nós. Oito canchas de minibasket, un total de 110 partidos en formato 4x4, inchables e moitos xogos son só algunhas das actividades que terán lugar nesta cita que ten como principal obxectivo que os nenos e nenas o pasen ben.
Fernando Romay confirmou un ano máis a participación no Pequebasket como padriño da cita
De feito, cada vez son máis os equipos non queren perder este día de xogos, diversión e deporte en Carballo. Ademais, confírmase a presenza un ano máis de Fernando Romay, que coma en edicións anteriores non quere perder esta nova cita en Carballo, donde está a crear un gran vínculo deportivo coma padriño do Día do Pequebasket. Pasaremos con el outro día inesquecible.
Viva o Día do Pequebasket!