Axenda da finde
Danza, deporte, paisaxe, arte: múltiples opcións para todos os gustos ao abeiro da primavera carballesa. Cal preferides vós?
VENRES
Airenoar
Proxección temática. Biblioteca Rego da Balsa. 19.00h. Arrinca o ciclo de Proxeccións temáticas da Biblioteca Rego da Balsa coñecendo as diferentes disciplinas da Cultura Urbana, como o breakdance, beatbox, graffitti, rap, skateboard ou turntablism, da man de Vella Escola, unha entidade especializada na organización e difusión de actividades relacionadas coa cultura urbana. A misión de Vella Escola é promover e difundir en Galicia as manifestacións culturais e artísticas que nacen no medio urbano que respondan ás necesidades de expresión e ocio da xuventude actual. Se queredes saber máis sobre este tipo de lecer, non faltedes!. Entrada libre.
Danza. A compañía Airenoar presenta Airenoar. Pazo da Cultura. 21.00 h. A compañía galega Airenoar presenta o seu primeiro espectáculo, que leva o seu mesmo nome, no marco do programa de Primavera enDanza. O espectáculo une disciplinas artísticas como o novo circo, a acrobacia aérea con corda lisa, a voz e música en directo. Arredor dun fío cóntase unha historia de encontros e desencontros entre dúas persoas, que levará ao espectador ata unha proposta artística sorprendente e incrible. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos. Hai que mencionar que previamente pola mañá, ás 13.00h., a compañía presentará unha pequena mostra do espectáculo no Xardín Municipal, dentro das actividades paralelas de Primavera enDanza para achegar a danza contemporánea ao público. Pola mañá a entrada é de balde. Pola noite a entrada custa 3€ (2€ con desconto).
SÁBADO
A carreira celébrase a partir das 19.45h.
Carreira nocturna solidaria e por parellas De dous en dous. Praza do Concello. 19.45 h. Máis de 350 persoas participan na carreira nocturna, solidaria e por parellas De dous en dous que organizamos xunto co club Atletismo Carballo. Esta proba oficial da Federación Galega de Atletismo conta este ano cunha presenza moi especial, a do coñecido corredor Abdelkader Bouguerroudj, de Atletismo Sada, gañador do circuito de carreiras da Deputación da Coruña e gran atleta arxelino, que quere apoiar así esta cita solidaria. Así, tanto os participantes coma o público poden entregar, de forma voluntaria, un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros ou productos de hixiene infantil a beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. E todas as parellas corren unidas por unha banda elástica. Non faltedes a esta cita divertida, orixinal e tamén competitiva por unha boa causa. Asistencia libre. Doazón coluntaria dun kilo de comida.
Coñece o teu Concello: ruta ciclista por Artes, Sofán, Berdillo, Bértoa. 16.00 h. Se queres coñecer Carballo un pouco mellor tes unha cita coas rutas ciclistas que organizamos co Club Ciclista Carballo. Hoxe abordamos unha ruta de 19,5 km, de dificultade media. Dende Carballo partiremos, en dirección Ordes, cara á Feira de Berdillo. Dende alí desviarémonos para atravesar a parroquia de Artes até chegar a Vilar de Francos, onde se fará parada xunto ao Pazo, que aínda conserva a torre orixinaria do século XVI, e visitaremos o centenario carballo de San Antón. Acto seguido, adentrarémonos en Sofán, onde está prevista nova parada xunto á Igrexa de San Salvador. De Sofán, iremos até a parroquia veciña de Berdillo e de alí, até Bértoa, onde se poñerá rumbo a Carballo. Duración prevista: dúas horas. De balde.
DOMINGO
A ruta transcorre por Trazo
Primavera en ruta. “A forza do río Chonia”. 9.15 h. A Primavera en Ruta de Senda Nova cumpre sete anos e comeza o domingo 10 de abril cun percorrido pola beira do río Chonia en Trazo. De 22 quilómetros, a ruta sae de Castrillón e termina en Portomeiro (Val do Dubra). Durante o percorrido visitarase o Pazo de Restende, así como a fermosa confluencia dos ríos Chonia e Tambre. Dificultade media. Inscricións e +info no 696 155 232. Tamén de 9.30 a 13.30h. en Protección Civil no antigo ambulatorio de Carballo e no Pazo da Cultura de 17.00 a 20.00h. O prezo para participar para os non socios é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade.
Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Entrada libre.
EN CURSO
Xulio Maside e Xoán Pardiñas
Exposición artística oDesexo. Andar 3 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala Alberto Gende do Pazo da Cultura acolle unha nova mostra artística, neste caso con pinturas e esculturas de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. O primeiro é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas. Xoán Pardiñas tamén pertence ao grupo NOME, do que foi co fundador. Participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar “Unidos pola arte” en 2012 na capital galega. Por último, Fernando Riveiro é un artista autodidacta interesado na arte-lixo e no collage. Inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Se queredes aproveitar esta oportunidade inmellorable para gozar con eles, no deixedes de pasar polo Pazo da Cultura. Entrada libre.
Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. O peche da exposición está previsto para o domingo 24 de abril. Entrada libre.