Axenda da finde
Esta finde nace Curruncho Pop, boísima música de balde na Biblio; pero tamén celebramos o Día da Árbore ou temos o mellor teatro con Talía!
VENRES
Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo en Foucellas
Talía Teatro representa Foucellas. Pazo da Cultura. 21.00 h. A programación dos Venres Culturais 2016, que se vén celebrando desde o mes de xaneiro, remata co último espectáculo da compañía ceense Talía Teatro, que pon en escena Foucellas. Baixo a dirección de Cándido Pazó Talía presenta unha das historias, ou case lenda, máis importantes da memoria popular galega. Foucellas é un mito, ou unha ficción teatral que especula sobre un mito histórico, pero, sobre todo, unha profunda reflexión sobre a utopía, a resignación, a vontade e, especialmente, a derrota. Historicamente Foucellas identifícase con Benigno Andrade, un célebre guerrilleiro anti franquista e anarquista de Mesía. A rumoroloxía popular atribuíulle toda clase de actos e fazañas, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados Foucellas en xeral. Situada no ano 1952, a obra conta a historia do secuestro e atraco dun labrador acomodado e da súa muller por parte do mesmo Foucellas. Ou non. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos. Entradas: 4 €; 3 € co desconto para estudantes e maiores de 65 anos.
SÁBADO
Pigmy é Vicente Maciá
Concerto de Pigmy. Biblioteca Rego da Balsa. 20.30 h. Pigmy, o proxecto en solitario de Vicente Maciá, estrea o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa como sala de concertos. Trátase da primeira entrega de Curruncho Pop, un espazo reservado para músicos e bandas emerxentes de dentro e fóra do noso concello. Pigmy é o proxecto en solitario, dende 2007, de Vicente Maciá, antes guitarrista, cantante e compositor principal de Carrots, reputada e minoritaria banda de pop psicodélico que publicou tres discos en Grabaciones en el Mar entre 1999 e 2004. Como Pigmy, edita no 2007 Miniaturas (Junk Records), a finais do 2014 Hamsterdam (Hurrah! Música), e no Nadal do 2015 un de panxoliñas (Grabaciones en el Mar). Os tres traballos son unha precisa e preciosa mostra de pop psicodélico. Hamsterdam, o seu disco mais importante até o momento, foi masivamente eloxiado pola crítica e polo público ao que chegou, é un disco sutil, con infinidade de arranxos, todos no seu sitio; non sobra, nin falta nada. Un disco sobresaínte. Este Curruncho Pop vai desfrutar con Pigmy dun dos músicos con máis talento e máis autoesixentes do panorama musical, non só estatal, senón tamén internacional. Poucos traballos hai a día de hoxe tan meticulosos e finos coma os del. Entrada de balde.
DOMINGO
Á cita de Senda Nova poden ir nenos e nenas
Día da árbore. Rego da Balsa de Carballo. 11.00 h. Un ano máis o Rego da Balsa (na contorna do IES Parga Pondal), recibe a visita de todos cantos participantes desexen contribuír a unha plantación de especies autóctonas coincidindo co Día da Árbore 2016 dentro das Xornadas de Interpretación dos Bosques da Asociación Ambiental Senda Nova. Nas marxes do río plantaranse decenas de exemplares de varias especies de árbores autóctonas. O obxectivo da cita, cun claro compoñente simbólico, é o de sensibilizar sobre a importancia das árbores e da natureza, sobre todo cos nenos e nenas que acompañan aos proxenitores nun evento familiar. Para participar e axudar na plantación, non tes máis que achegarte ao lugar co teu cubo e a túa pá. Nós poñemos as árbores!
Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa todas as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Entrada libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Catálogo pode visitarse até o 29 de marzo
Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. Os autores e autoras gardan unha pequena sorpresa para o peche da exposición previsto para o 29 de marzo. Estade atentos! Entrada libre.
Exposición do XVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. 3º Andar do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 25 de marzo unha mostra das fotografías que participaron no XVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, ao que se teñen presentado 160 imaxes de 73 autores e autoras. A exposición recolle 69 das fotografías incluídas as catro premiadas: "Praia" presentada por Luís Botana Pérez, de Ferrol; "Día de lluvia" presentada por José María Beut Duato, de Valencia; o Premio Especial Carballo para a "Hora bruxa" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de A Laracha; e o Accésit para a fotografía "Sen título" presentada por Simone Maestra. Espectaculares e orixinais imaxes chegadas dende todos os puntos de España a un paso das vosas casas! Entrada libre.