Axenda da finde
Música, teatro infantil e a Feira das Oportunidades invaden Carballo! E, coma sempre, as mellores exposicións de arte... Vive o mes de marzo!
VENRES
Chicharrón presenta o seu disco "Postal"
Concerto de Chicharrón para presentar Postal. Pazo da Cultura. 21.00 h. Os Venres Culturais acollen o concerto do grupo de raíces carballesas Chicharrón, que presentan ao vivo o seu segundo traballo Postal. Todos os amantes da mellor música independente teñen unha cita con Diego, Alberto, Mar, Rubén e Xurxo, amigos e músicos que ousaron facer integramente o seu disco en galego e no que "facemos unha parada para pensar no que levamos percorrido e no que nos rodea". E "nese camiño, démonos conta de que hai outra xente que segue o mesmo camiño ca nós e decidimos facelo xuntos". Así o explica Alberto Vecino, un dos compoñentes do grupo, que tamén sinala que é un disco con cancións que falan de amor e "moi coral", no que cada membro do grupo achegou o seu gran de area. A festa continuará logo do concerto a partir das 23.00 h. en A Barra Bar con Selva DJ e Prenom DJ. Indie-pop de calidade e en galego e foliada posterior. Que máis se pode pedir? Entrada 3€; 2€ con desconto.
Concerto de Dude. Sala A Reserva. 00.00 h. Pero se vos apetece pasar do indie-pop ao rock e o soul con versións dos mellores grupos dos anos 70 e 80, non podedes perder o concerto que ofrece A Reserva con outro grupo carballés Dude. Sen saír da vila e a un par de rúas de distancia podedes facer unha viaxe coa mellor música en directo pasando por todos os estilos. Entrada libre.
SÁBADO
Concerto de ITH e de MJ Pérez. Sala Dublín. 23.30 h. Se vos gusta o rock ou a música de autor tendes unha cita na Sala Dublín con ITH e MJ Pérez. Os primeiros son un grupo que navega entre o rock e o pop máis enérxico, con letras en galego e temas de composición propia. En 2016 estrean o seu proxecto FORTE. MJ é unha das novas voces da música galega que vén pegando forte. Con pouco máis de un ano actuando e máis de trinta concertos ás costas, ten compartido escenario con Silvia Penide ou Ivy Moon. Presenta o seu último traballo Guerrilleira.
DOMINGO
Emedous ofrece un espectáculo para nenos
Teatro para nenos Jim e a illa do tesouro. Pazo da Cultura. 18.00 h. O ciclo En Familia dos Venres Culturais chega á súa fin coa compañía Emedous Emoción & Arte. En Jim e a illa do tesouro o pequeno e valente Jim Hakins rexenta co seu pai unha pequena pousada na costa de Inglaterra. Diante do mar soña con vivir aventuras e converterse nun gran mariño. O destino fai que chegue ás súas mans o mapa do tesouro do pirata Flint e comezará unha viaxe por medio mundo ata chegar á Illa do Tesouro. Música, acción, liortas, humor, cancións corsarias e moitas sorpresas máis, a cargo de preciosos monicreques e piratas desapiadados, que nos trasladan a un mundo fantástico e aventureiro. Entrada 3€, 2 € con desconto.
Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Esta finde con música en directo a cargo do Grupo Calú. Entrada libre.
SÁBADO E DOMINGO
Feira das Oportunidades. Aparcadoiros do Rego da Balsa. De 10.00 a 21.00 h. Se aínda andas á procura dalgunha ganga, daquela prenda de inverno que querías mercar pero que se ía de presuposto, daquelas botas de auga que ao mellor non precisabas pero que agora fanche falta ou se simplemente queres cumprir un capricho, non podes faltar á Feira das Oportunidades de Carballo. Son máis de oito anos ofrecendo descontos en moda, calzado, complementos ou mesmo decoración e produtos do agro que poden chegar ao 50 por cento en artigos de tempada, avalados pola calidade do comercio local. Este ano a carpa muda de sitio e trasládase aos novos aparcadoiros do centro nos parkings de Rego da Balsa. Aproveita a feira do domingo ou as horas libres da fin de semana para botar un ollo. Seguro que atopas algo do teu gusto! Entrada libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
"Catálogo" pode visitarse até o 29 de marzo
Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. Os autores e autoras gardan unha pequena sorpresa para o peche da exposición previsto para o 29 de marzo. Estade atentos! Entrada libre.
Exposición do XVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. 3º Andar do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 25 de marzo unha mostra das fotografías que participaron no XVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, ao que se teñen presentado 160 imaxes de 73 autores e autoras. A exposición recolle 69 das fotografías incluídas as catro premiadas: "Praia" presentada por Luís Botana Pérez, de Ferrol; "Día de lluvia" presentada por José María Beut Duato, de Valencia; o Premio Especial Carballo para a "Hora bruxa" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de A Laracha; e o Accésit para a fotografía "Sen título" presentada por Simone Maestra. Espectaculares e orixinais imaxes chegadas dende todos os puntos de España a un paso das vosas casas! Entrada libre.