Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Nace Carballo Compromiso Calidade: o novo selo de...

Compartir:

Nace Carballo Compromiso Calidade: o novo selo de calidade turística do Concello

Vinte establecementos hostaleiros sumáronse á marca C3 que ten como obxectivo que Carballo sexa un destino atractivo e competitivo

Foto de familia cos establecementos merecedores do selo

Carballo xa conta co seu propio selo de calidade turística: a marca Carballo Compromiso Calidade, ou C3, polas tres ‘ces’ que avalan a creación dunha rede de establecementos hostaleiros que destaca pola súa calidade nos servizos turísticos, polas súas melloras nas pautas de atención ao cliente ou por contribuír a mellorar a percepción de Carballo como destino turístico de calidade. Un total de 20 empresas do sector hostaleiro do municipio participaron nun proceso de validación para acadar este selo que tamén pretende dinamizar esta rede de establecementos turísticos mediante a súa identificación e promoción e a través da colaboración conxunta.

Segundo explicou o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, o obxectivo foi o de crear un distintivo de calidade turística que ofreza unha "diferenciación" dos servizos turísticos e hostaleiros ofrecidos en Carballo respecto doutros "competidores directos da zona", por exemplo, en toda a Costa da Morte. A través de Carballo Compromiso Calidade tamén se pretende que as empresas hostaleiras de Carballo que polas súas características concretas se cadra non teñen a posibilidade de optar a unha Q internacional de calidade turística ou a unha normativa ISO teñan a oportunidade de destacar; ademais de ofrecer un "plus aos servizos que ofrecemos a través dun pacto entre empresas e administración".

Regueira quixo transmitirlle os seus parabéns e o seu agradecemento ás empresas participantes xa que manifestou o "orgullo" do Concello respecto dos sectores produtivos do municipio e espera que, dado que a marca C3 terá continuidade, moitas máis empresas se vaian sumando á marca. Así, o sector público e o privado van da man neste proxecto que tamén pretende establecer canles de comunicación e crear proxectos de mellora dunha forma compartida entre todas as partes implicadas.

Un proceso de mellora e avaliación

Os locais contarán con este distintivo

Os locais contarán con este distintivo

Para poder obter o selo Carballo Compromiso Calidade, as 20 empresas acreditadas pasaron por un proceso de varias fases, no que recibiron visitas de clientes anónimos para poder recibir unha avaliación obxectiva do servizo, no que se crearon manuais de boas prácticas para todos os establecementos, ou no que se comprobou que cada un dos participantes cumpría os requirimentos de calidade necesarios para ser unha empresa C3.

Moitos dos negocios melloraron tanto as súas instalacións e equipamentos como o servizo de atención ao cliente, a implicación co medio ambiente ou a información sobre os seus locais. Todos eles recibiron nun acto no Fórum de man do Alcalde, Evencio Ferrero; e do Concelleiro de Turismo, a nova placa que acredita a súa condición de empresa Carballo Compromiso Calidade.

Unha iniciativa con continuidade

O proxecto comeza con 20 empresas hostaleiras ás que se poderán ir incorporando máis ao longo de 2016

Outro dos obxectivos que se marca Carballo Compromiso Calidade é o de seguir evolucionando no futuro, para crear unha marca que perdure no tempo. Así, os establecementos poderán contar cunha promoción preferente das súas empresas no web de Turismo Carballo a través do logo distintivo.

Tamén constarán no próximo directorio integral de empresas e servizos do Concello de Carballo. do que poderán aproveitar os seus recursos e participar nas actividades de dinamización que se leven a cabo. E por último, tamén no web de Turismo Carballo, poderán contar cunha plataforma de acceso privado para traballar en rede, coñecer de primeira man as iniciativas e proxectos municipais, poñer en marcha proxectos e estratexias conxuntas e, en definitiva, axudar a fornecer o tecido hostaleiro de Carballo cunha ferramenta útil e con contidos.

Ademais, está previsto continuar implantando a marca, ampliando o seu ámbito de influencia ao sector comercial.

Todo a prol dun obxectivo global que persegue mellorar Carballo coa axuda de todos.

A listaxe de empresas participantes que xa ten o distintivo C3 é a seguinte. Parabéns a todos e todas:

  • HOTEIS:
    • Hotel Balneario Carballo
    • Hotel Rural Mar de Queo
    • Hotel Punta del Este
  • TURISMO RURAL:
    • As Maroas Turismo Rural
    • Casa da Chavella Turismo Rural
    • Casa Entremuros Turismo Rural
    • Pazo do Souto
  • OCIO ACTIVO:
    • Art Surf Camp
    • Raz Surf Camp
  • RESTAURANTES:
    • A Cabaña
    • Cima
    • Oasis
    • Pementa Rosa
    • Río Sil
  • BARES / CAFETARÍAS:     
    • Abastos
    • A Cova
    • Ágora
    • Cafetaría Pazo da Cultura
    • Cervexaría A Bombonera
    • Taberna O Mexillón


Vídeos

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica