Axenda da finde
Preparádevos para bailar e cantar coa música dos Venres Culturais; e, mentres esperades, gozade coas fotos do Xosé Manuel Eirís
VENRES
Concerto RockCarballo. Pazo da Cultura. 21.00 h. Volve a cita anual cos grupos de música máis vivos do panorama musical de Carballo e Bergantiños: o RockCarballo. Este concerto consolídase como unha cita imprescindible para os seguidores dos xéneros máis variados como o rock & roll, pop, soul-blues e música electrónica que se farán ouvir no Pazo da Cultura con ese característico estilo que ofrecen as bandas de Carballo, desde as máis alternativas a outras de carácter máis clásico. Neste único concerto contaremos coas seguintes bandas: Lowcos, Sonseis+, Dude, Killer Cats e, pecharán o concerto, The Cerne. O espectáculo está dirixido a todos os públicos, amantes e curiosos da música. Entrada libre ata completar aforo.
Inauguración da exposición do XVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. 20.00 h. O 3º andar do Pazo da Cultura acolle a inauguración da exposición do XVIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís realizada cunha selección das imaxes presentadas a un concurso que gañou Luís Botana Queijo, de Ferrol, coa imaxe "Praia". Un total de 160 imaxes de 78 autores e autoras non só de Galicia, senón tamén doutros puntos da Península como Madrid, Valencia, Andalucía, Navarra ou Cataluña teñen participado na XVIII edición deste concurso que este ano incrementou a contía dos seus premios ata os 2.300 euros. A partir de hoxe os vecinos e veciñas poderán ver a mostra en horario de 18.00 a 21.00 h. até o 25 de marzo. Entrada libre.
SÁBADO
Concerto 25 Aniversario das Cantareiras de Berdillo. Pazo da Cultura. 21.00 h. Con motivo do 25º aniversario do nacemento do Grupo de Cantareiras de Arume, a formación quere agasallarnos cun espectáculo musical e visual da súa traxectoria no mundo da cultura e da música tradicional. Nesta celebración, as mulleres e homes, que agora forman parte desta agrupación, realizarán un percorrido pola súa vida artística e persoal, onde haberá tempo para as lembranzas, os saúdos, os sorrisos e, como non, a música e o baile. Esté concerto está organizado polas asociacións Cultural e Xuvenil Arume e con elas colabora o Concello de Carballo. Entrada libre.
DOMINGO
Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade, neste caso coa actuación en directo do Dúo Libertad. Entrada libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
A mostra pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas
Exposición "Vermello". Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. O andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o 28 de febreiro"Vermello", unha exposición fotográfica do Colectivo coruñés Aula K. A mostra presenta a percepción e reflexións persoais de cada un dos autores participantes a través desta cor, realizando un interesante percorrido con imaxes sorprendentes, impactantes, orixinais e tamén evocadoras. Os fotógrafos que participan na exposición son Alfredo Varela, Ángel Cordero, Antón Varela, Basti Soto, Brais Quintero, Carlos Rodríguez, Carolina Lorenzo, Lupe Vázquez, Manuel Vicente, Paola Velo, Pablo Santiago, Pedro Carrete, Rodrigo Moreiras e Rubén Fabeiro. Esta cita está enmarcada na programación de Venres Culturais 2016. Entrada libre.