Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, un Concello de cine

Compartir:

Carballo, un Concello de cine

O director Ignacio Vilar visita o municipio a partir do 22 de febreiro para emprender a segunda fase de rodaxe do seu novo filme, Sicixia

Ignacio Vilar no Monte Branco e na praia de Trece (Camariñas)

Ignacio Vilar no Monte Branco e na praia de Trece (Camariñas)

Despois do tremendo éxito acadado con A Esmorga o director Ignacio Vilar está estes días metido de cheo no seu seguinte proxecto, Sicixia. E para obter as mellores imaxes e paisaxes da Costa da Morte, o equipo de rodaxe visitará Carballo a partir do 22 de febreiro na busca das mellores localizacións. Sicixia é unha "historia para escoitar a vida na Costa da Morte" rodada integramente en galego e estará protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado. A historia contará ademais con outro protagonista moi especial, a propia Costa da Morte. Co fin de captar a súa esencia en todas as súas facetas, a rodaxe prolongarase ata a Semana Santa. Durante cinco semanas, o equipo de gravación estará rodando en Carballo, e tamén nos concellos de Carnota, Dumbría, Fisterra, Muxía, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Cee e Cerceda.

Sicixia promete ser unha película diferente na traxectoria de Vilar. Os escenarios da Galiza interior, onde se rodaron filmes como Pradolongo,Vilamor ou a propia A Esmorga, cederanlle o protagonismo nesta ocasión á costa. Ademais este será un filme cunha gran presenza do son nun momento no que o realizador quere non só traballar coas historias senón tamén experimentar coa linguaxe pois da súa conxunción ─ subliña Vilar─ nacen os grandes filmes. Ademais, o director apostará por un diálogo entre a ficción e o documental.


Estrea oficial nos cines de Carballo

Ignacio Vilar con Marta Lado e Monti Castiñeiras en Carballo

Ignacio Vilar con Marta Lado e Monti Castiñeiras en Carballo

Sicixia conta con apoio económico do Concello de Carballo a través dun convenio que permitirá que o filme chegue finalmente ás pantallas. En virtude deste acordo, os cines da vila acollerán a estrea oficial do filme, coa participación do equipo técnico e artístico, sendo tamén a vila protagonista nos labores xerais de promoción. A cinta contará con distribución internacional e presenza nos festivais de cine máis prestixiosos, que poderán ver como as imaxes de Carballo quedan reflectidas na pantalla, contribuíndo a xerar a imaxe da Costa da Morte, a grande protagonista do filme.

Agardamos con impaciencia o resultado da rodaxe! Carballo, concello "de cine"!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica