Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Preparade os últimos disfraces e gozade co regreso dos Venres Culturais: chega a axenda da finde con Entroido e o teatro de A Panadaría

VENRES

A Panadaría visitan por primeira vez Carballo

A Panadaría visitan por primeira vez Carballo

Festa e baile de Entroido. Pavillón do CEIP A Cristina. 17.00 h. A ANPA (Asociación de Nais e Pais) do CEIP A Cristina de Carballo organiza unha festa e baile de Entroido. Se xa gardástedes os disfraces, podedes sacalos a pasear un ratiño máis e pasar unha boa tarde. Entrada libre.

A Panadaría Teatro presenta “Pan! Pan!”. Pazo da Cultura. 21.00 h. Cando xa estamos respirando o ultimo alento do Entroido regresa a programación dos Venres Culturais 2016 cunha proposta de teatro para adultos. Por primeira vez no escenario carballés estará a compañía galega A Panadaría que pon en escena o seu espectáculo "Pan! Pan!". Trátase dunha divertida e tola obra que desmonta e reconstrúe os vellos westerns do remoto oeste a través do anti heroe Harry, un cowboy americano que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que raptou á súa muller. Este anti heroe sufrirá moitas aventuras en fedorentas cantinas e en desertos cheos de perigos, nos que redescubriremos o mundo sen lei dos ranchos vaqueiros. A Panadaría é unha nova compañía integrada por tres novos intérpretes, que con este primeiro e fresco espectáculo de creación propia, recibiron xa diversos recoñecementos, como o Premio María Casares. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos. Entrada 3€ e 2€ o prezo reducido.

SÁBADO

Cea, concurso e baile de disfraces. Casa Sánchez. 21.30 h. A Asociación Local de Veciños Santa María de Ardaña organiza un ano máis unha Cea, concurso e baile de disfraces no Restaurante Casa Sánchez de Silván-Erbecedo (Coristanco). Este ano coincidindo co tradicional Sábado de Piñata. Entradas a través da asociación.

DOMINGO

Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa dos namorados. O segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Entrada libre.

VENRES, SÁBADO, DOMINGO

 A mostra pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas

A mostra pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas

Exposición "Miradas 4”. 3º andar do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 18 de febreiro a mostra "Miradas 4", unha escolma do traballo dun total de 31 creadores e creadoras vinculados a Muxía e a Carballo coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. A mostra, incluída no programa dos Venres Culturais 2016, conta coas obras de 31 artistas entre os que figuran moitos da Asociación Crea Formas Artísticas. Entrada libre.

Exposición "Vermello".  Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. O andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o 28 de febreiro"Vermello", unha exposición fotográfica do Colectivo coruñés Aula K. A mostra presenta a percepción e reflexións persoais de cada un dos autores participantes a través desta cor, realizando un interesante percorrido con imaxes sorprendentes, impactantes, orixinais e tamén evocadoras. Os fotógrafos que participan na exposición son Alfredo Varela, Ángel Cordero, Antón Varela, Basti Soto, Brais Quintero, Carlos Rodríguez, Carolina Lorenzo, Lupe Vázquez, Manuel Vicente, Paola Velo, Pablo Santiago, Pedro Carrete, Rodrigo Moreiras e Rubén Fabeiro. Esta cita está enmarcada na programación de Venres Culturais 2016. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica