Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Botábades de menos as nosas citas? Despois dunha dura costa de xaneiro, volvemos con moito teatro e tamén con moita natureza

VENRES

Faladoiros das xornadas “Baldaio máis cerca” de Senda Nova. Local social de Imende. 19.00 h. A Asociación Ambiental presenta unhas xornadas dedicadas ao humidal de Baldaio tituladas “Baldaio máis cerca”. Logo da apertura, a ex presidenta da Asociación de mariscadoras Fonte Santa Elena e integrante da entidade María José Felípez falará sobre marisqueo. Xa ás 20.30 horas é a quenda de Antón Vázquez Corral, do grupo naturalista Hábitar que falará sobre “Ecoloxía de Baldaio”. Entrada libre.

Estrea de “Os amores de Jacques o fatalista” de PT Excéntricas. Auditorio do Pazo da Cultura. 21.00 h. A compañía  Producións Teatrais Excéntricas estrea no escenario do Pazo da Cultura carballés e no marco dos Venres Culturais o seu último traballo. Trátase dunha adaptación do coñecido Quico Cadaval sobre a novela de Diderot na que realzan a súa modernidade libertaria. Jacques e o seu amo entreteñen o camiño con historias sobre a vida e o amor. Aproveitan para falar de mulleres sen pudor, pero, de súpeto, este "paraíso" masculino estrágase cando chegan á pousada da Pousadeira. Contos interrompidos uns polos outros, como acontece nas mellores conversas, tentan buscar a diferenza entre o namoramento e a sedución, entre o sentimento e o instinto, entre o engano e o enxeño, entre a paixón e a violencia. A duración prevista do espectáculo é de 90 minutos. Entrada 4 €, 3 € con desconto.

SÁBADO

Una das saídas con nenos e nenas das xornadas  “Baldaio máis cerca”

Una das saídas con nenos das xornadas “Baldaio máis cerca”

Faladoiros  das xornadas “Baldaio máis cerca” de Senda Nova. Local social de Imende. 10.30 h. Continúan as xornadas para reflexionar sobre o humidal de Baldaio. Desta volta con Xan Fernández Carrera e o faladoiro “Do castrexo ao barroco en Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela”. A continuación, Ana Nogareda Mato, da AC Argazo e José Antonio Vilariño Queijeiro, da ADCR Baldaio, falarán sobre “Dinamización deportiva, cultural e social nas parroquias de Baldaio”. Entrada libre.

Saída cultural polo humidal de Baldaio. 15.30 horas. De novo no marco das xornadas “Baldaio máis cerca”, Xan Fernández Carrera acompaña a todas aquelas persoas que o desexen a realizar unha ruta cultural polas parroquias de Baldaio. Para obter máis información, contactar coa Asociación Ambiental Senda Nova no 696 155 232. Entrada libre.

DOMINGO

Talía Teatro presenta

Talía Teatro presenta "Rosa Caramelo"

Saída ornitolóxica polo humidal de Baldaio. 10.30 horas. Despois da saída cultural do sábado as xornadas de Senda Nova “Baldaio máis cerca” centradas nos segredos do noso humidal, céntranse na realización dunha saída ornitolóxica con Antón Vázquez Corral. Para obter máis información, contactar coa Asociación Ambiental Senda Nova no 696 155 232. Entrada libre.

"Rosa Caramelo e outras historias" de Talía Teatro. Auditorio do Pazo da Cultura. 18.00 h. Coa dirección de Paula Carballeira, Talía Teatro presenta nos Venres Culturais o espectáculo infantil "Rosa Caramelo e outras historias", unha cita con música en directo e que se basea nos contos da italiana Adela Turín, que lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero. Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea descubrirá o significado da liberdade e abrirá o camiño da igualdade para as súas compañeiras. Esta é a primeira das catro historias nas que tamén atopamos uns bonobos con lentes, ratos inmersos nunha feliz catástrofe e as tartarugas Artur e Clementina. A cita está dirixida ao público familiar (preferentemente de 4 a 8 anos). A duración prevista do espectáculo é de 45 minutos. Entrada 3 €, 2 € con desconto.

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Cadro de Emi de las Heras en

Cadro de Emi de las Heras en "Miradas 4"

Exposición "Miradas 4”. 3º andar do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 18 de febreiro a mostra "Miradas 4", unha escolma do traballo dun total de 31 creadores e creadoras vinculados a Muxía e a Carballo coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. A mostra, incluída no programa dos Venres Culturais 2016, conta coas obras de 31 artistas entre os que figuran moitos da Asociación Crea Formas Artísticas. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica