Fauna
Aves na marisma de Baldaio
Baldaio conta, polo seu particular ecosistema, cunha gran riqueza faunística, sobre todo de aves.
Na nosa lagoa habitan multitude de especies aladas, moitas delas únicas en Galicia, como a píllara papuda, que para nas nosas dunas. Baldaio está recoñecida pola Unión Europea como Zona de Especial Protección para as Aves.
Na lagoa e nas marismas, centos de paxariños encontran un lugar acolledor, fértil e confortable no que vivir ou no que facer parada e hibernar. Presta atención e poderás atopar corvos reais, mascatos, pardelas, garzas reais, carráns, mazaricos, píllaras e moitos outros habitantes alados da lagoa.
En especial, toda caste de aves limícolas que, cos seus peteiros máis ou menos alongados, escarvan nestas nutritivas areas para obter alimento no limo que lles dá nome.
No inverno, cando o tempo arrefrío nas latitudes máis ao norte, veñen pasar o inverno á nosa lagoa aves como a escribenta nival, que chama a atención polo branco das súas plumas.
Ave en Baldaio
As marismas son un dos lugares máis produtivos do planeta. Un fértil caldo composto por augas de escasa profundidade e ben iluminadas, enriquecido cos nutrientes do mar e dos ríos. De aí a súa riqueza marisqueira, da que son protagonistas os afamados berberechos de Baldaio, as ameixas, o mexillón, o longueirón ou a ostra que se crían nas súas areas.
Típicos de Baldaio son tamén os seus peóns, peixes de color castaño claro que quedan atrapados na area cando a marea baixa.
Nas súas augas poderás atopar tamén muxes, robalizas, sollas e anguías. Nas pozas que forma a auga da choiva viven ras, sapos, escánceres e esgonzos. E mesmo a veces se encontran pegadas de londras…
Silueta limícolas en Baldaio, espazo natural protexido - Baía Edicións, A Coruña