Achégate á riqueza ecolóxica, produtiva, paisaxística e patrimonial de Baldaio
Entre o 26 e o 31 de xaneiro coñeceremos mellor a marisma a través de faladoiros e saídas interpretativas organizadas por Senda Nova
Vista aérea do humidal de Baldaio
Queredes coñecer mellor o espazo natural de Baldaio? Pois tendes unha oportunidade inmellorable coas xornadas "Baldaio, máis cerca" os días 26, 28, 29, 30 e 31 de xaneiro. A través dunha serie de actividades de interpretación das parroquias que conflúen no territorio de Baldaio (Lema, Noicela, Rebordelos e Vilela) poderedes coñecer mellor este humidal que agocha unha incrible riqueza ecolóxica e paisaxística, pero tamén produtiva e patrimonial. Dende hai varios anos, a Asociación Ambiental Senda Nova vén organizando unha serie de xornadas para poñer en valor diferentes humidais da Costa da Morte coincidindo co 2 de febreiro, Día Internacional dos Humidais. Nesta data celébrase o momento no que se adoptou a Convención sobre os Humidais no ano 1971.
Faladoiros, saídas e mobilizacións
O humidal conta con actividade marisqueira
O humidal de Baldaio, ademais de contar con un grande valor ecolóxico, é un referente dende o punto de vista ornitolóxico, recibindo migración de aves, sobre todo en época invernal. Tamén é un territorio aproveitado económicamente dende hai anos dentro da profesión marisqueira. E ademais do factor ecolóxico e lúdico, cada unha das parroquias que integra Baldaio, ofrece importantes vestixios culturais cun relevante patrimonio relixioso e castrexo en todo o territorio.
Os faladoiros e saídas interpretativas incluidos nas xornadas son de balde e de participación libre, adaptando o xeito de mobilización ao volume de participación. A cita conta tamén coa colaboración do Concello, da Asociación de Mariscadoras de Baldaio, A Asociación Cultural e Recreativa Baldaio o Grupo Naturalista Hábitat e Argazo Baldaio.
Todas as citas incluídas nas xornadas son de balde e abertas a todas as persoas que queiran participar
Durante as xornadas, haberá faladoiros no local social de Imende que proseguirán con visitas interpretativas polo interior das parroquias e polo coñecido humidal. Por outra banda, tamén se realizarán diversas visitas ao espazo con diferentes centros de ensino de Bergantiños, co obxectivo de deixar pegada nas xeracións vindeiras da importante e variada riqueza desta parte da Costa da Morte.
Convidamos a todas as veciñas e veciños interesados a que se acheguen para disfrutar do espazo natural de Razo-Baldaio. Para coñecer o programa de actividades ao completo, pode descargarse o programa en pdf máis abaixo.